O PSOE acusa á Xunta de "retroceder máis de 20 anos" co caso de Matías Cañón

Paloma Castro censura a devaluación da antiga Secretaría Xeral de Igualdade no novo goberno e alerta de que a reintegración do concelleiro condenado do PP na Illa de Arousa supón “branqueamento da violencia de xénero”
Paloma Castro. DS
photo_camera Paloma Castro. DS

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou este mércores un “retroceso de máis de 20 anos na concepción das políticas de igualdade” por parte do Partido Popular e da Xunta de Galicia ao defender “as mesmas teses que os seus socios de extrema dereita”. Castro presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento logo da decisión de “devaluar” a antiga Secretaría Xeral de Igualdade no organigrama do novo goberno autonómico.

A responsable socialista alertou de que a decisión de Rueda de reintegrar no grupo municipal da Illa de Arousa a Matías Cañón, concelleiro condenado por violencia de xénero, senta un precedente “moi perigoso para a sociedade”, por canto supón o “branqueamento da violencia de xénero”. Advertiu que “o Parlamento debe manifestar o seu posicionamento en contra de que unha persoa condenada por violencia de xénero poida ostentar un cargo de representación política”.

Alertou da “falla de exemplaridade” que representa esta decisión, nas antípodas da “condena social que merece”, e que evidencia que o PP “non entende as políticas de igualdade” e polo tanto “a branquean ou a disfrazan dunha frivolidade insultante”.