O BNG responsabiliza a Telmo Martín do "verán máis caótico dos últimos anos"

Tras un análise dos últimos meses, o partido político de Sanxenxo, denuncia de incapacidade ao Goberno local para xestionar o Concello da forma que o merece
Un contenedor con lixo no chan tras varios días sen pasar o servizo de recollida. DS
photo_camera Un contenedor con lixo no chan tras varios días sen pasar o servizo de recollida. DS

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo mostrouse contundente tras levar a cabo un análise dos últimos meses, onde concluíu que o verán 2024 "será lembrado como un dos máis caóticos dos últimos anos, consecuencia da nefasta xestión e da política de cemento de Telmo Martín". Así, dende o partido político declaran que "quedou patente a incapacidade do equipo de Goberno do Partido Popular para xestionar á altura do que merece a veciñanza e un destino turístico de referencia a todos os niveis. Telmo Martín deixa a imaxe do concello das antípodas da seriedade, a limpeza e o bo funcionamento que nos debe caracterizar".

A falta de estacionamento no centro de Sanxenxo e nas proximidades, a situación de insalubridade rexistrada en diferentes puntos das parroquias pola insuficiencia de frecuencias da recollida do lixo, o abandono do rural ou o colapso do tráfico, sen apenas dispositivos de seguridade habilitados, son algún dos exemplos que pon o BNG como problemas e molestias que tiveron que padecer os veciños e visitantes. O voceiro, Fran Leiro, incide en que "non estamos falando de situación puntuais dunha data en concreto, senón dunha constante desde xuño ata setembro".  Xa antes da chegada do mes de xullo “as persoas residentes en núcleos como o de Sanxenxo non tiñan donde estacionar”, recorda Leiro, que tilda de "fracaso absoluto" a ocorrencia de Telmo Martín da lanzadeira de transporte entre a vila e o polígono de Nantes. "Desde o BNG sempre defenderemos a necesidade de apostar polo transporte público, pero dun xeito serio e eficiente e non como mera propaganda, que foi o que fixo o señor Martín". Proba disto é que a explanada habilitada para aparcar vehículos no parque empresarial ficou baleira practicamente durante todo o verán.

Ademais, segundo o BNG todo isto súmase a "incapacidade do Goberno local de ter previstos dispositivos especiais para controlar o tráfico, producíndose retencións e o colapso da circulación en moitos lugares", sendo especialmente conflitivo o punto no que se atopa o novo semáforo da Rúa Progreso. 

Problemas coa recollida do lixo

A xuízo dos nacionalistas, os problemas derivados da pésima xestión da recollida do lixo só é unha proba máis do "peor verán dos últimos anos" protagonizado polo Goberno local do Partido Popular e por Telmo Martín, quen "sube impostos á veciñanza e mellora o seu soldo ao tempo que deixa en precario o funcionamento de moitos servizos básicos", conclúe Leiro. Esta deficiencia repetiuse en varias ocasións, nalgúns casos en lugares céntricos, xerando "unha situación de insalubridade e unha imaxe de abandono impropia dun concello como Sanxenxo".

En canto á precaria situación no rural, dende o BNG comentan que isto é por que hai numerosas pistas e zonas públicas que se atopan nun evidente estado de abandono, a pesares das queixas reiteradas de moitos veciños e veciñas. Ademais, tal e como recorda Fran Leiro, este ano o Concello reduciu o número de actividades nas parroquias máis pequenas correspondentes ao programa do verán, o que supón "unha falta de respeto máis cara a veciñanza destas localidades e unha clara mostra de que ao señor Martín só lle interesa o que sucede nos arredores de Silgar e do Porto Deportivo". 

Por último, dendo o partido político auguran que esta pésima xestión continuará ao longo do ano, nun mandota no que "ata agora no único que se mellorou foi nos soldos de Telmo Martín e do seu equipo de Goberno, cortesía das subas de impostos perpretadas en apenas un ano".