Marcelino Agís: "Ademais de sol e praia, Sanxenxo tamén ten unha cultura propia"

▶ Tras 15 anos no cargo, desde os primeiros pasos de Aelos, Marcelino Agís deixará de ser presidente da entidade. En plena celebración das xornadas 'Sanxenxo na historia' que comezaron onte, repasa década e media de logros, avances e recuperación da identidade local
Marcelino Agís. DS
photo_camera Marcelino Agís. DS

"Son moitos anos e é bo que veña xente nova e haxa un relevo". Con estas palabras, o actual presidente da Asociación Cultural de Estudos Locais de Sanxenxo (Aelos), Marcelino Agís, despide 15 anos de actividade ao pé do cañón, dende que no ano 2008 a iniciativa comezou a funcionar coma unha sección do Foro Galicia Milenio, que el mesmo presidía. E así continuou durante toda unha década ata a creación da Asociación Cultural de Estudos Locais (anterior Seminario de Estudos Locais, con Ana Cancela como directora), que actualmente conta con arredor de 60 socios e socias, e é a responsable das xornadas de divulgación cultural Sanxenxo na historia.

Cederá a presidencia pensando nas novas xeracións. Hai relevo?
Tal e como se foi incorporando xente ao longo de todos estes anos, agardo que haxa persoas que dean o paso e que continúen este proxecto que xa está consolidado. Nos últimos cinco anos fomos facendo campañas de captación de socios e xa soan algúns nomes para as urnas, pero haberá que agardar ás candidaturas.

Como está a saúde da asociación a nivel de proxectos?
Nestes anos fixemos moitas cousas. Levamos as nosas publicacións á rúa para que se coñeceran e, ademais das xornadas Sanxenxo na historia, fixemos presentacións de libros, exposicións conmemorativas e de pintura, e moitas outras cousas, orientadas a promover a cultura local. As máis importantes son as xornadas 'Sanxenxo na historia' e o premio que concedemos dende hai 15 anos para apoiar a cultura local e ás persoas que destacan polo seu traballo neste eido.

Por que decidiron crear este premio hai 15 anos?
O premio comezou coas xornadas e durante os dez primeiros anos dabamos un premio de honra, un ao labor social e outro ao labor cultural. Hai cinco anos sintetizámolo nun único premio, que é o Sanxenxo na historia. Decidimos crealo porque complementaba ás xornadas á hora de poñer en valor a cultura local e a aquelas persoas que traballaban polo ámbito social e cultural, ou por dar a coñecer Sanxenxo e os seus valores identitarios. No noso traballo tiñamos unha triple dimensión: por unha parte, a investigación en cultura local, a difusión a través de actividades públicas e, en terceiro lugar, a publicación dos traballos.

Nestes anos levamos as nosas publicacións á rúa para que se coñeceran, fixemos presentacións, exposicións e as xornadas"

A publicación de libros foi un punto de inflexión. Ata onde chega esta hemeroteca?
Na actualidade temos sete volumes da serie Sanxenxo na historia e estamos preparando o oitavo, que confiamos en que poida estar listo en outubro, coincidindo co cambio da xunta directiva. Pero tamén publicamos outras series de traballos monográficos sobre o roteiro do Padre Sarmiento, os fidalgos de Noalla, Mulleres entre redes e tamén unha serie literaria con novelas ou libros de relatos e, por último, unha serie sobre personaxes de Sanxenxo, concretamente o escultor Vilar Lamelas, o Padre Sarmiento e Emilia Pardo Bazán. Publicar foi fundamental para concienciar sobre que Sanxenxo, ademais de ser unha capital turística de sol, praia e natureza, tamén ten unha cultura propia. Sobre isto, temos unha anécdota que é moi reveladora: cando no seu momento fomos pedir axuda a un cargo político para publicar a serie Sanxenxo na historia, a súa resposta foi: "Ah, que Sanxenxo ten historia?". Iso concienciounos aínda máis para dar a coñecer tradicións, patrimonio histórico-artístico, etnografía ou festas.

Cal é o dato histórico máis descoñecido sobre Sanxenxo?
Sanxenxo ten unha cultura que comeza na prehistoria. Temos importantes achados non só no complexo da Lanzada, senón vestixios como son as mámoas, e foi importante a súa presencia na Idade Media, no periodo Moderno e Contemporáneo. Toda esa historia estaba escasamente estudada, agás honrosas excepcións coma o libro do noso compañeiro Isidoro Sabell, Sanxenxo en su historia. Ademais dos nosos propios estudos neste sentido, tratamos de sumar investigacións das universidades ou a título particular, que se publicaron a través do noso foro e se deron a coñecer.

Cal é o logro do que máis se enorgullece como presidente?
Síntome moi satisfeito do apoio das institucións e estamos moi orgullosos da grande cantidade de persoas, tanto de Sanxenxo coma de fóra, que asistiron ás nosas actividades. Tivemos un gran respaldo público polo que estou moi agradecido.