A exposición tributo ao poeta Ananín estará ata o 8 de setembro na Sala Rivas Briones

A mostra comisariada pola Fundación Artiaga amplía unha semana a súa estancia en Vilagarcía debido á boa acollida do público 

Exposición en la Sala Rivas Briones. DS
photo_camera Exposición en la Sala Rivas Briones. DS
A exposición Tributo ao legado do poeta Eduardo González Ananín amplía a súa estancia en Vilagarcía unha semana máis do inicialmente previsto debido á boa acollida que tivo por parte do público. A mostra artística comisariada pola Fundación Artiaga poderá visitarse na Sala Antón Rivas Briones ata o 8 de setembro. Esta exposición colectiva componse de obras pictóricas, escultóricas e doutras expresións artísticas dun total de 24 creadores galegos e nacionais que, a través dos seus traballos, evocan os versos do poeta ourensán falecido o ano pasado. Entre as firmas presentes na exposición atópanse as de Menchu Lamas, Francisco Leiro, Din Matamoro, Antón Patiño, Olalla Buceta, Pamen Pereira, José Freixanes ou Ignacio Basallo.

Nado en Pereiro de Aguiar en 1926, Eduardo González Ananín é autor dunha importante obra en galego e castelán de marcado carácter social e moi influenciada polo exilio, xa que, autodefinido como un "neno da guerra", tivo que emigrar a Arxentina, país do que regresou a Galicia en 1983.