Máis de 28.000 persoas asistiron ao Revenidas 2024

A xornada do domingo, coa sardiñada popular, a gala de circo solidaria e os concerto da tarde, foi a máis multitudinaria que se recorda nos últimos anos
A xornada do sábado completou o aforo. CANDELA LORA
photo_camera A xornada do sábado completou o aforo. CANDELA LORA

O Festival Revenidas deu este domingo o peche á edición deste ano onde, o desenvolvemento, a acollida e os datos de asistencia, corroboraron a afirmación do seu organizados, Xoán Quintáns: "Nunca se veo algo tan grande nunha vila tan pequena"

Foron en total 28.000 ás persoas que asistiron aos catro días do festival. En dúas xornadas, a do venres e a do sábado, completouse o aforo do recinto, con 8.500 asistentes en cada unha. A iso, hai que sumarlle as 6.500 persoas que acudiron o xoves e as 4.500 que se achegaron o domingo. 

Precisamente a xornada do domingo, xa coas portas abertas, foi a máis multitudinaria que se lembra nos últimos anos. Miles de persoas congregáronse ao mediodía para desfrutar da tradicional sardiñada Rías Baixas. A organización dispuxo de 800 kilos de sardiñas asadas que se esgotaron en apenas hora e media. Despois da sardiñada o público permaneceu no recinto para asistir a Gala de Circo e, xa pola tardiña, aos concertos de Caamaño & Ameixeiras e De Ninghures, cos que se pechou o festival.

Máis alá das cifras, os organizadores subliñan o "excepcional ambiente" que se viviu durante estas catro xornadas no recinto do festival e no conxunto de Vilaxoán. A mellor mostra tivo lugar o sábado, unha xornada na que o público encheu o recinto do Revenidas dende as 12.00 horas ata pasadas as catro da madrugada.

Os responsables do festival tamén destacan a ausencia practicamente absoluta de incidentes. Os servizos de emerxencias non tiveron que intervir salvo nalgún leve corte ou algunha pequena lesión.

O festival agradece a todos os traballadores

Así, a organización do Revenidas quere expresar o seu máis sincero agradecemento aos traballadores do festival, polo seu esforzo e o seu compromiso. "Ademais dos artistas, eles son os principais responsables de que o festival sexa posible e de que se converta cada ano en algo tan especial", sinalou Xoán Quintáns, que tamén ten un recordo e un agradecemento especial para os veciños de Vilaxoán pola súa xenerosidade e pola súa acollida. "Os veciños de Vilaxoán, coa súa hospitalidade, fan do Revenidas un marabilloso exemplo de convivencia".

A conexión do festival coa súa contorna trasladouse tamén nesta edición aos escenarios. Dous dos músicos que subiron a eles, como son Catuxa Salom e Rubén García (baixista de Guadi Galego) son, respectivamente, "a filla do dentista" e "o neto do xastre" de Vilaxoán

A maiores da súa vertente artística, o Revenidas amosouse de novo como un relevante elemento dinamizador da economía de Vilaxoán e da súa contorna. O festival xerou máis de 150 postos de traballo directos, aos que hai que sumar outras 500 persoas, entre músicos e técnicos.

A organización do Revenidas tamén quere trasladar o seu agradecemento aos patrocinadores institucionais e privados que fixeron posible a realización do festival polo seu compromiso co Revenidas, un compromiso que na maioría dos casos xa se remonta a varios anos e moitas edición.

Dende hoxe mesmo o Revenidas ponse a traballar de cara ao reto de organizar unha edición no 2025 que estea a altura da que acaba de rematar e das expectativas que sempre ten o público de cara a este cita. O organizadores anuncian que revelaran en breve algunhas novidades respecto ao Revenidas 2025.