Vilagarcía estrea once novas paradas no circuíto de puntos limpos móbiles

Esta medida realízase co obxectivo de facilitar que toda a poboación do municipio recicle debidamente e contribúa a coidar o medio ambiente
Punto Limpo de Vilagarcía. DS
photo_camera Punto Limpo de Vilagarcía. DS

O Concello de Vilagarcía segue a implementar os medios e servizos para a xestión dos residuos sólidos urbanos. Co obxectivo de facilitar que toda a poboación do municipio recicle debidamente e contribúa a coidar o medio ambiente, o circuíto de puntos limpos móbiles estará, a partir desta semana, once novas paradas en zonas do rural.

Os cinco remolques adaptados para a recolida de residuos non convencionais e contaminantes rotarán por un total de 24 localizacións de todo o municipio. As novas paradas dos puntos limpos móbiles nas zonas do rural estarán en: A Laxe (Casa da Cultura), Aralde (Rúa Mestres Trigo e Pazos), Bamio (Campanario Farmacia), Castroagudín (Fonte), Cornazo (Os Borrizos), Guillán (Santa María), O Vento (marquesiña autobús), Renza (Campo da Festa), Rubiáns (Casa da Cultura), Trabanca Sardiñeira (Nosa Señora dos Anxos) e Solobeira (O Sisto).

En todos estes lugares instalarase un panel informativo sobre o uso do punto limpo, no que, ademais, figurará un código QR para acceder ao mapa virtual coas localizacións xeolocalizadas de todas as paradas.

Así, haberá dous tipos de remolques de puntos limpos móbiles. Para as zonas rurais usaranse os de formato máis pequeno, adaptado a espazos reducidos, e que contan con sete compartimentos diferenciados e estancos para o depósito dos residuos xerados con máis frecuencia nas nosas vivendas, como pequenos electrodomésticos, aparellos electrónicos, pilas ou plásticos duros. O outro modelo, o máis grande, que se utiliza para as zonas urbanas máis densamente poboadas, conta con catorce compartimentos para distinto tipo de materiais e inclúe tres bocas para depositar envases lixeiros, papel-cartón e vidro, a modo de reforzo aos contedores convencionais de rúa.

Desprazamentos para maior operatividade

En canto ás paradas xa operativas dos puntos limpos móbiles, despois de varios meses en funcionamento detectouse a necesidade de realizar pequenos desprazamentos dos remolques en algunhas zonas, coa finalidade de mellorar a funcionalidade do srevizo e achegale ao maior número posible de veciños. Os cambios realizados son dende a Praza da Constitución á Avenida Rivero de aguilar (rotonda do Ramal); da Praza de Abastos á Praza de Galicia; de Sobradelo á Praza Riba de Vila (Vilaboa); da Praza de España á Rúa López Cuevillas (lateral do Centro Comercial Arousa) e da Torre a Trabanca Badiña (Xardíns Dr. Carús). No Piñeiriño e na Avenidada Rodrigo de Mendoza desprazáronse só uns metros da anterior localización. En Rosalía de Castro, Praza de Ravella, Carril, As Carolinas e Vilaxoán continúan no mesmo sitio.

O calendario coas paradas do circuíto e os horarios, así como toda a información sobre o servizo dos puntos limpos móbiles pódese consultar na páxina web medioambiente.vilagarcia.gal ou no QR dos paneis.

Dende o Concello lembran que tamén está a disposición da veciñanza de Vilagarcía de Arousa o Punto Limpo fixo de Pinar do Rei, en horario de luns a sábado de 10.00 a 14.00 horas e os martes, xoves e sábados de 16.00 a 20.30 horas.

Por outra banda, tamén se pode solicitar a recollida de voluminosos a domicilio e restos de poda, previa solicitude obrigatoria no teléfono 986501617. Prégase a colaboración da veciñanza para que non baixen residuos ás rúas sen pedir cita e, en caso de tela, que o fagan o día e no horario establecido, nunca antes.

Calendario de puntos móbiles
De luns de 8.00 a 7.00 do martes e xoves de 8.00 a 7.00 do venres estarán disponibles na Praza Ravella, en O  Piñeiriño, Castroagudín, CC Arousa, Guillán, Aralda, Trabanca Badiña e en Rubiáns. 
De martes de 8.00 a 7.00 do mércores e de venres de 8.00 a 7.00 horas do sábado estarán dispoñibles en Rosalía de Castro, Vilaxoán, Carril, Vilaboa, Trabanca Sardiñeira, Renza, Bamio e Solobeira. 
De mércores de 8.00 a 7.00 horas do xoves e sábado de 8.00 a 7.00 horas do domingo estarán en Avenida Rivero de Aguilar, Avenida Rodrigo Mendoza, As Carolinas, Praza de Galicia, O Vento, Cornazo, Faxilde e A Laxe.