Novo récord de participación nas escolas multideportivas de verán de Vilagarcía

As actividades comezan este luns en Fexdega, pero haberá saídas aos parques, praias e instalacións deportivas
Recinto de Fexdega. DS
photo_camera Recinto de Fexdega. DS

O recinto multiusos de Fexdega acollerá este luns, ás 10 da mañá, a estrea dunha nova edición das escolas multideportivas de verán, que este ano baten récord de participación: 90 rapaces e rapazas de 8 a 14 anos. As actividades se desenvolverán ata o 23 de agosto, de luns a venres, en horario de 10 a 13 horas.

Trátase dunha máis das medidas que o goberno local ten en marcha para facilitar a conciliación laboral e familiar, promovendo ao tempo unhas vacacións saudables para os máis pequenos. Cinco monitores se encargarán de que todo transcorra con normalidade.

Aínda que Fexdega é a sede das escolas, durante as vindeiras semanas os participantes farán diversas saídas aos parques da cidade, á praia de Compostela e ao complexo polideportivo de Fontecarmoa (especificamente ás canchas de tenis e ao estadio de atletismo).

Nese tempo, coñecerán as destrezas básicas para a práctica deportiva e unha vida saudable, por exemplo en que consiste a pirámide alimentaria a través do xogo. Igualmente, se achegarán aos deportes alternativos e mesmo aos tradicionais; celebrarán unhas mini olimpiadas coincidindo coa gran cita de París, e unha semana da mobilidade.

Dende a Fundación recómendase aos pais e nais que protexan aos seus fillos con crema solar antes de saír de casa, que leven unha gorra ou viseira e unha pequena merenda para tomar a media mañá.