Vilagarcía informa dos requisitos para participar na formación remunerada FORME 24

Algúns dos criterios é ser desempregado, ter máis de 18 anos e estar rexistrado no Servizo Público de Emprego de Galicia
Clausura del Taller de años anteriores, el Forme 2021. DS
photo_camera Clausura del Taller de años anteriores, el Forme 2021. DS

A Concellería de Formación e Emprego de Vilagarcía informou dos requisitos que deberán cumprir as persoas que desexen acceder á formación remunerada que o Concello ofrecerá a partir de decembro a través do obradoiro dual FORME 24. O programa contará coas especialidades de Carpintería e moble e de Albanelería e acabados, terá unha duración de 9 meses e habilitara aos participantes a obter os respectivos certificados de profesionalidade de nivel 1 e 2. En cada un dos módulos poderán participar 10 persoas desempregadas maiores de 18 anos e que cumpran co resto dos requisitos especificados na orde autonómica que regula estas iniciativas de fomento do emprego.

O Concello de Vilagarcía ten previsto remitir a oferta ao Servizo Público de Emprego de Galicia a principios de outubro para iniciar co proceso de selección do alumnado que participará no obradoiro. Co obxectivo de que as persoas interesadas dispoñan de tempo suficiente para actualizar os seus datos ante este organismo e ter dispoñible a documentación necesaria. Así, a Concellería de Emprego informa dos criterios de selección e os requisitos esixidos para poder participar no FORME 24.

Os requisitos e criterios de selección esixidos para poder participar no FORME 24

Ademais de ter cumpridos os 18 anos e ser desempregados, os interesados deben estar rexistrados no Servizo Público de Emprego de Galicia, que é o organismo que convocará aos participantes no proceso de selección.

En canto aos requisitos de formación, os aspirantes deben dispor do título da ESO ou ben estar en condición de acceder a ciclos formativos de grao medio, ter superado as probas de acceso convocadas polas administracións educativas ou a proba de acceso á universidade para maiores de 25 ou de 45 anos.

Tamén poderán acceder ao obradoiro de emprego as persoas que teñan os certificados de profesionalidade do mesmo nivel ou de nivel 1 da mesma familia da área profesional do módulo ao que queren acceder, así como aqueles que teñan o certificado de aptos nas competencias necesarias para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2.

Os requisitos completos e os criterios de selección poden consultase na web vilagarcia.gal.