Os servizos de Urxencias en Vilagarcía atenderon 1.554 asistencias nas festas

Condénanse novamente os últimos episodios de violencia externa acaecidos no PAC vilagarcián, sufridos por profesionais en acto de servizo asistencial
Fachada Hospital do Salnés en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Fachada do Hospital do Salnés en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os servizos de Urxencias da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés en Vilagarcía de Arousa atenderon durante as pasadas datas da celebración de San Roque un total de 1.554 asistencias, mantendo o seu compromiso coa atención sanitaria continuada durante os eventos festivos masivos programados nas pasadas datas nesta localidade. 

Deste xeito, no Punto de Atención Continuada (PAC) do centro de saúde de San Roque en Vilagarcía atendéronse un total de 769 urxencias extrahospitalarias entre as gardas do pasado mércores 14 ata a de o domingo 18 de agosto, coincidindo coa celebración festiva. No que atinxe ás urxencias do Hospital Público do Salnés en Vilagarcía nestas pasadas datas festivas, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés atendeu un total de 785 patoloxías entre as gardas do pasado mércores 14 ata a de onte, domingo 18 de agosto.

Así mesmo, cómpre sinalar que a Área Sanitaria reforzou as presenzas de profesionais de varias categorías tanto no centro hospitalario de Ande coma no Punto de Atención Continuada do centro de Atención Primaria de San Roque durante os pasado xoves 15 e venres 16 de agosto. Concretamente, o PAC vilagarcián reforzouse o día 15 cun facultativo e un profesional de Enfermaría máis, con cobertura adicional de persoal de Seguridade, en horario de 15 a 8 horas, e o venres 16 cun facultativo e un profesional de Enfermaría máis en horario de 8 a 22 horas, con cobertura de persoal de Seguridade en horario de día.

Pola súa banda, o reforzo de efectivos no servizo de Urxencias do Hospital do Salnés contou o pasado día 15 cun profesional de Enfermaría máis, un TCAE, un celador, un auxiliar administrativo adicional, un técnico en Radioloxía máis, amén de persoal de Seguridade en quenda de noite. Así mesmo, o pasado venres 16 o reforzo no servizo de Urxencias do hospital arousán contou cun profesional de Enfermaría e un TCAE en quenda de día, un celador en horario de 8 a 22 horas, un auxiliar administrativo en horario de 8 a 11 horas e persoal de Seguridade en quenda de día, en horario de 8 a 20 horas.

Condena á violencia externa no PAC de San Roque

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés condena públicamente de novo os últimos episodios de violencia externa acaecidos nas pasadas datas festivas no Punto de Atención Continuada de San Roque en Vilagarcía de Arousa, sufridos por parte de profesionais en acto de servizo asistencial.

Desde a Dirección da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reitérase a súa "firme aposta pola seguridade para os profesionais e usuarios, coma máxima prioridade". Deste xeito, a Administración Sanitaria Pública galega insiste no seu "firme compromiso de non tolerar ningún tipo de agresión verbal nin física", lembrando que "se tomarán todas as medidas legais posibles para erradicar este problema reincidente, máis se cabe cando os profesionais sanitarios teñen consideración de autoridade na Lexislación vixente".