Reabre a ponte de Pontearnelas tras unha reconstrución por 5,3 millóns

▶ A conselleira de Infraestruturas destacou o compromiso da Xunta, "traballando con dilixencia"
Representantes da Xunta e municipais este xoves na reinauguración. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Representantes da Xunta e municipais este xoves na reinauguración. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Case un ano e dous meses despois, a ponte de Santa Marta en Pontearnelas (Vilanova de Arousa), que cruza o río Umia, volve á actividade. A Xunta reabriu durante a mañá de onte a infraestrutura, na que foi preciso investir ata 5,3 millóns de euros tras, despois de que o 18 de abril de 2023 tivera que pecharse ao ceder a calzada da mesma, a causa de diferentes danos estruturais en varias péndulas causados pola corrosión.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quixo poñer en valor o cumprimento do compromiso da Xunta "traballando coa máxima dilixencia", nunha xornada na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. Neste sentido, Martínez Allegue destacou o resultado dos traballos realizados durante as tarefas de reconstrución que, "sen dúbida contribuirá a mellorar o tráfico, con maior seguridade, entre estes dous concellos, de Vilanova de Arousa e Ribadumia".

Segundo rememorou a conselleira, dende o primeiro momento traballouse para evitar que a situación se agravara e, nun segundo momento, para acadar unha solución que permitira a restitución do tráfico canto antes. Deste xeito, dixo, "sempre en permanente contacto cos dous concellos implicados, e da man dos técnicos", leváronse a cabo uns primeiros traballos para garantir a estabilidade da estrutura, procedendo ao apuntalamento da ponte en ambas as marxes. 

Representantes da Xunta e municipais este xoves na reinauguración. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Representantes da Xunta e municipais este xoves na reinauguración. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Tras intervir de urxencia e inspeccionar a ponte a fondo, pasouse á segunda fase na que, ante a situación da estrutura, decidiuse proceder á desmontaxe controlada e á construción dunha ponte totalmente nova. Para desenvolver  estes traballos, engadiu, desmontouse con coidado cada elemento das barreiras de formigón ou do esqueleto metálico. Estes traballos finalizaron xa en outubro do pasado ano.

Logo disto, en decembro iniciáronse as cimentacións da nova pone, na que se respectou o desaugue existente. A estrutura "encaixouse entre as pilas que había e optouse por deseñar unha celosía inferior na que o propio cordón inferior serve de paso peonil, cun paseo de madeira" que onte mesmo xa era posible transitar.

As tarefas remataron coa habilitación das ramplas de acceso da pasarela peonil, á que se dotou de varanda e pavimento, se ben a conselleira quixo destacar a complexidade dos traballos, condicionados pola meteoroloxía.