Villares anima en Vilanova a consumir peixe para impulsar o sector marítimo-pesqueiro

O conselleiro do Mar puxo en valor a calidade e sabor que hai detrás dos produtos do mar de Galicia, enxalzando o modelo da pesca artesanal e de proximidade
Durán e Villares durante a visita á praza de Vilanova. DS
photo_camera Durán e Villares durante a visita á praza de Vilanova. DS

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou este martes a Praza de Abastos de Vilanova de Arousa para acudir ás peixerías alí presentes e destacar xunto aos profesionais que se encargan da venda de peixes e mariscos a importancia do seu consumo, tanto polos beneficios para a saúde que aporta como polo positivo impacto que se xera no sector marítimo-pesqueiro galego.

Nesta liña reivindicou a dieta atlántica como sinónimo de benestar e calidade de vida, na que os produtos pesqueiros son os auténticos protagonistas, á vez que puxo en valor a calidade e sabor que hai detrás dos produtos do mar de Galicia, enxalzando o modelo da pesca artesanal e de proximidade como fórmula sostible e respectuosa cos recursos mariños.

O responsable autonómico, acompañado polo rexedor local, Gonzalo Durán, animou á cidadanía a consumir máis peixe e marisco das rías galegas e louvou o importante papel dos profesionais responsables de rexentar estes establecementos no ámbito da promoción e difusión das calidades destes alimentos grazas á relación directa e de confianza que manteñen cos consumidores.

Tamén lembrou que desde a Consellería do Mar se mantén activa a campaña Amar Galicia co obxectivo de difundir a calidade dos produtos do mar, a variedade e o sabor único que se ofrece en peixerías e mercados e sobre o fundamental apoio que supón adquirir a produción dos milleiros de familias que viven do mar e as súas industrias na comunidade.