O Torneo de Tenis de Verán remata este xoves a súa edición máis concorrida

A tradicional cita deportiva estival reuniu a 131 xogadores de 8 a 77 anos de idade
Open de Tenis Ciudad de Pontevedra. DP
photo_camera O torneo vilagarcián segue crecendo cada edición. DS

A actual edición do Torneo de Tenis de Verán que se vén celebrando dende o pasado 6 de xullo nas pistas municipais de Fontecarmoa foi unha das máis concorridas da súa historia ao contar con 131 participantes. Ademais, o evento reúne a deportistas dunha ampla franxa de idade, ao contar con xogadores de 8 anos ata outros de 77. Compre salientar a participación dos máis veteranos, tenistas fieis ao torneo, como Manuel Cardalda Carregal (nado en 1947) ou Juan Lorca Martínez (1949), que ademais de participar na categoría individual fixérono tamén como parella na de dobres.

A cita deportiva que organiza a Fundación Municipal de Deportes do Concello de Vilagarcía é xa un evento consolidado na axenda estival, que progresa en liña ascendente ano tras ano, e especialmente na última década, pasando das 50 inscricións de 2014 ás 131 actuais.

A exitosa edición deste ano clausurarase o xoves 22 de agosto coa celebración das dúas finais absolutas, a feminina, que se disputarán Alba Sánchez Crespo e Lucía Casadelrrey Pérez, e a masculina que enfrontará a Daniel Rivas Búa e a Nicolás Durán Patón. Ao remate dos partidos procede rase á entrega de trofeos en todas as categorías do torneo.