A Xunta enxalza a loita polos estilos de vida saudables e contra a obesidade

Gómez Caamaño remarca a necesidade de modificar condutas para reducir o risco de hipertensión
30º Congreso da Sociedade Galega de Hipertensión e 21º Congreso da Sociedade de Risco Vascular celebrado en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Imaxe dos congresos celebrados este venres en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou este venres a aposta da Xunta por fomentar estilos de vida saudables, ademais de loitar contra a obesidade, para reducir o risco de hipertensión. Así o sinalou durante a inauguración, en Sanxenxo, do 30º Congreso da Sociedade Galega de Hipertensión e 21º Congreso da Sociedade de Risco Vascular.

No acto, no que tamén participou o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, o titular da carteira sanitaria felicitou á Sociedade Galega de Hipertensión polo seu labor á hora de promover a investigación, o debate, a innovación e o intercambio de experiencias e coñecemento coa organización deste evento.

Nas súas palabras, Gómez Caamaño insistiu na educación sanitaria como fórmula de prevención de enfermidades. No referente á hipertensión, chamou a atención sobre a necesidade de que a sociedade tome conciencia de condutas de risco como o consumo de tabaco, a alimentación inadecuada ou a inactividade física.

Lembrou que a Dirección Xeral de Saúde Pública deseñou o Plan Obesidade Zero, que ten como un dos seus obxectivos reducir a prevalencia do sobrepeso nun 15% para o ano 2030. Entre outras accións con ese fin, o Servizo Galego de Saúde incorporou a categoría de nutricionista á atención primaria.