Concello e Curtas piden a colaboración da Xunta de Galicia co Festival do Imaxinario

A concelleira de Cultura e o responsable do evento confían en que para a edición de 2024 poidan contar xa con algunha achega da Agadic e acceder ás liñas de subvencións dos vindeiros exercicios
Encontro da concelleira de Cultura e o director do Curtas co director da Agadic
photo_camera Encontro da concelleira de Cultura e o director do Curtas co director da Agadic. DS

A Concellería de Cultura e a Asociación Cultural Curtas están traballando na organización do Festival do Imaxinario que se desenvolverá do 25 de outubro ao 2 de novembro en Vilagarcía. E para tratar de evitar as dificultades económicas do ano pasado, Concello e asociación fixeron fronte común para demandar a colaboración económica da Xunta de Galicia. Co obxectivo de conseguir axuda da administración autonómica ao certame audiovisual máis antigo de Galicia, a edil Sonia Outón e o director do Curtas, Luis Rosales, mantiveron unha reunión co responsable da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

Como xa se comentara durante a pasada edición, malia ser o festival audiovisual decano de Galicia e contar cunha relevante dimensión internacional nos últimos anos, o Curtas carece de calquera tipo de axuda da administración autonómica, a diferenza de outros moitos certames de cine que se celebran en Galicia. Para resolver esta situación e garantir, non só o futuro do evento, senón tamén o elevado nivel ao que ten chegado, Outón e Rosales explicaron ao director da Agadic a historia e evolución do certame, as súas cifras económicas e de público, así como o proxecto do Festival do Imaxinario para este ano.

Tras manifestar que o Curtas reunía as condicións para poder acollerse ás axudas da Agadic, Sutil informoulles das distintas liñas que existían, animándoos a presentarse as próximas convocatorias, como así o farán. Non obstante, dada a inminente celebración do festival, os organizadores solicitaron poder contar xa este ano con algún tipo de colaboración da Agadic e anunciaron que concorrerían as liñas de subvencións que o organismo convoque para nos vindeiros exercicios.

Compromiso do Concello

Como xa quedara de manifesto o ano pasado, a dispoñibilidade de maior presuposto é unha necesidade urxente para o Festival do Imaxinario de Vilagarcía. Ante o risco de perder un recurso cultural e turístico tan importante para a cidade e de tanta tradición, o goberno local de Vilagarcía decidiu incrementar a súa achega un 10%, elevando a contía de convenio de 2024 ata os 55.000 euros. Con este xesto o executivo de Alberto Varela reafirmou o seu compromiso co Curtas, un evento que apoiou desde que accedeu á Alcaldía incrementando a achega municipal para a súa organización dos 11.450 euros que se concedían en 2016, aos 55.000 que recibirá en 2024.

Ademais, o pasado mes de decembro o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade unha moción promovida polo grupo municipal socialista mediante a que se instaba á Xunta de Galicia a buscar a fórmula máis conveniente (patrocinio, convenio, subvención…) para contribuír ao financiamento do Curtas cunha cantidade significativa e acorde á dimensión, prestixio e repercusión que ten o evento. No marco do cumprimento desta moción desenvolveuse a reunión co director da Agadic.