Vilagarcía esixe á Xunta que "non volva a retirar a ambulancia" do Hospital do Salnés

"Din que se fai pola tensión sanitaria nas zonas turísticas, pero non teñen en conta o incremento poboacional en verán"
Trabajadores sanitarios en una ambulancia del 061. AEP
photo_camera Trabajadores sanitarios en una ambulancia del 061. AEP

Tania García Sanmartín, voceira do goberno local de Vilagarcía, volve arremeter contra a Xunta de Galicia pola retirada do vehículo de soporte vital do Hospital do Salnés. "Lonxe de recoñecer un erro e tratar de corrixilo coa maior celeridade, o PP segue empeñado en continuar castigando a Vilagarcía. Por si non fora o suficientemente grave privarnos da ambulancia medicalizada durante o verán e de que a semana pasada o conselleiro dera a entender que para o ano que ven, máis do mesmo, o presidente da Xunta veu ao Hospital do Salnés a dicir que retirarnos ese servizo fundamental foi unha boa decisión".

Tania García engade que "o presidente da Xunta volveu xustificar a medida en criterios poboacionais e o aumento da tensión sanitaria nas zonas turísticas, pero non ten en conta o aumento de poboación que rexistra Vilagarcía durante o verán debido ao turismo. De ser congruentes co argumento que esgrimen, o que tería que facer o goberno de Rueda sería dobrar o número de vehículos de soporte vital avanzado na comarca do Salnés".

"Esixímoslle a Alfonso Rueda menos fotos e máis recursos", conlue a voceira do goberno vilagarciano.