A Xunta destina 1,6 millóns a ampliar o centro Princesa Letizia de Amencer-Aspace

▶ Con este investimento a entidade poderá incrementar 22 novas prazas de atención diúrna e nove de atención residencial 
A directora xeral de Persoas con Discapacidade visitou este martes o centro. DS
photo_camera A directora xeral de Persoas con Discapacidade visitou este martes o centro. DS

Ata 1,6 millóns de euros é o importe que está a investir a Xunta de Galicia na ampliación e reforma do centro de atención integral Princesa Letizia de Amencer-Aspace, co obxectivo de que a entidade que o xestiona poida incrementar 22 novas prazas de centro de día e outras nove de atención residencial.

Así o destacou este martes a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, durante unha visita ao centro, que calificou de referencia en Galicia na atención ás persoas con parálise cerebral.

A directora xeral enmarcou este investimento na confianza que ten o Executivo galego no traballo que desenvolven as entidades sociais, que permite dispoñer dunha rede de servizos públicos de atención especializada alí onde son necesarios. Ademais, referiuse a axuda concedida este ano a Amencer-Aspace para a adquisición dun vehículo e ao financiamento anual de máis de 40 prazas de atención diúrna neste centro Princesa Letizia e nos dous que a entidade ten en Pontevedra.

Así mesmo, Begoña Abeijón sinalou que a Xunta acaba de abrir a convocatoria do concerto social para consolidar 293 prazas de atención a persoas con parálise cerebral distribuídas por toda a comunidade. A esta convocatoria súmanse outras cinco, unha por cada tipo de discapacidade: enfermidade mental, dano cerebral, autismo, discapacidade física e discapacidade intelectual.

MÁIS DE 5.000 PRAZAS. En total, son máis de 5.000 prazas de atención residencial e diúrna a persoas con discapacidade que a Xunta financia cun investimento de máis de 100 millóns de euros anuais. A través destas convocatorias de concerto, o Executivo autonómico consolida a rede pública de recursos para persoas con discapacidade, evita que os usuarios teñan que percorrer longas distancias para acceder a unha praza pública e dá maior estabilidade ás entidades sociais para que poidan manter no tempo servizos que son fundamentais para estas persoas e as súas familias.