A Xunta dá luz verde á conexión entre a PO-531 e a PO-301 en Vilanova de Arousa

As dúas vías autonómicas uniranse coa PO-300 ▶ A execución suporá un investimento superior a 625.000 euros
Plano da conexión na PO-301. DS
photo_camera Plano da conexión na PO-301. DS

A Xunta de Galicia vén de aprobar o proxecto de trazado de conexión dun viario de concentración parcelaria, situado no concello de Vilanova de Arousa, coas estradas autonómicas PO-531 e PO 301. A obra, que unirá ambas vías autonómicas coa PO-300, suporá un orzamento superior aos 625.000 euros.

O Goberno galego tamén autorizou o expediente correspondente aos trámites de información pública e o informe das administracións afectadas pola execución desta intervención. Con isto, preténdese darlle funcionalidade a ese viario, como alternativa á estrada provincial EP-9701, Baión-András, a través da execución duns entronques coas estradas PO-301 e a PO-531.

Trátase de unir as tres vías autonómicas (PO-301, PO-300 e PO-531), que son vertebradoras do territorio da comarca do Salnés, con tráficos importantes nos treitos obxecto desta actuación.

Co proxecto que se aprobou, a intervención partirá da intersección da PO-300 coa PO-301 en Ponte Arnelas e terá como punto final a estrada PO-531 no seu punto quilométrico 17+180.

O obxectivo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras no primeiro trimestre de 2025. O prazo de execución das obras, pola súa parte, será de un ano.

O proxecto procura a mellora da seguridade viaria, tanto dos vehículos como das persoas que viven a carón da vía provincial, que verá diminuído o seu tráfico ao aproveitarse todo o potencial dese novo viario. Para a configuración das interseccións, no caso da estrada PO-531 proponse a conexión mediante un cambio de sentido con carril central de espera. No referente á conexión coa PO-301 e a PO-300, o novo eixe conectarase á glorieta existente coa estrada EP- 9511,a cal será modificada pasando dunha morfoloxía circular actual a unha oval.