Vilanova vive a Festa do Mexillón e o Berberecho con gran afluencia de visitantes

María del Carmen Del Valle Galbán, a Asociación de Amigos de Valle-Inclán e Fernando Casal Tacón foron galardoados coas Insignias de Ouro e Brillantes
Autoridades e premiados coas insignias de Oro e Brillantes da Festa do Mexillón e o Berberecho. AGN
photo_camera Autoridades e premiados coas insignias de Ouro e Brillantes da Festa do Mexillón e o Berberecho. AGN

A XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa celebrou o seu día grande cun gran éxito de afluencia de visitantes, superando as cifras da edición anterior. Así o destacou o alcalde vilanovés, Gonzalo Durán Hermida, que presidiu, xunto cos conselleiros de Educación, Román Rodríguez, e de Vivenda, María Martínez, e co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, o acto central da xornada. Este comprendeu a entrega das Insignias de Ouro e Brillantes e o pregón da celebración.

Na súa intervención, Gonzalo Durán salientou que "hoxe celebramos o renacemento do pobo e da súa cultura cos tres homenaxeados". En primeiro lugar, falou sobre María del Carmen del Valle Galbán, quen "ademais de contar con sobrados méritos para recibir este galardón pola súa traxectoria como restauradora de arte renacentista, tivo a amabilidade de ceder o Concello o uso dunha boa parte do Pazo de Rúa Nova, propiedade da súa familia, para o desenvolvemento de actividades culturais". 

A homenaxeada agradeceu "o recoñecemento á cultura" realizado polo Concello cos galardóns deste ano. Na súa intervención, lembrou con moito agarimo a súa infancia no Pazo de Rúa Nova e amosouse "moi contenta de poder colaborar ao abrir este espazo para a cultura e a historia. Ten moitas posibilidades tanto para desfrutar como para facer cursos e estender o legado de Valle-Inclán alén España".

O segundo galardón recaeu na Asociación de Amigos de Valle-Inclán. Gonzalo Durán puxo en valor o traballo desenvolvido pola entidade, que "construíu o renacemento cultural de Vilanova de Arousa, con iniciativas como a revista Cuadrante, a entrega dos Premios Mari Gaila e o Festival de Teatro Festivalle".

O presidente da Asociación, José María Paz Gago, agradeceu o recoñecemento e lembrou a importancia da figura de Valle-Inclán. "Está considerado como o máis grande escritor da literatura española despois de Cervantes e do teatro universal, despois de Shakespeare. Por isto, sempre reivindicaremos a súa biografía e obra", sinalou. Paz Gago aproveitou a ocasión para anunciar que "a Asociación vai acoller a outros grandes escritores do municipio, como son os Irmáns Camba".

Finalmente, o rexedor vilanovés definiu ao terceiro homenaxeado e pregoeiro da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho, Fernando Casal Tacón, como "un profesional todoterreno que fixo renacer a cultura e a música en Vilanova. Hai máis de 40 anos, na Igrexa de A Pastoriza deu clases de gaita e moitos dos seus alumnos son agora integrantes de grupos folk de referencia".

No seu pregón, Fernando Casal salientou a importancia de "transmitir o noso legado e a nosa cultura" ás novas xeracións. Neste senso, lembrou os seus tempos como profesor de gaita na Igrexa de A Pastoriza. Desas clases "saíu a Banda de Gaitas de Vilanova, fundada en 1982, e que actuou en destacados lugares". O farmacéutico salientou que os moluscos "son moi nutritivos, ricos en proteínas e baixos en calorías".