A Rapa das Bestas da Escusa encheu o curro de bo ambiente

▶ Preto de cen cabalos pasaron polas tesoiras de aloitadores e aloitadoras nunha tarde na que non se rexistraron incidentes
▶ Unha cea de confraternización, o concurso de aloitadores e a misa de San Ramón completaron o programa

 Unha parellla de aloitadoras tratando de reter a unha besta na Rapa do Monte Castrove. S. SUEIRO
photo_camera Unha parellla de aloitadoras tratando de reter a unha besta na Rapa do Monte Castrove. S. SUEIRO

O Monte Castrove, entre Meis e Poio, foi escenario do día grande e despedida da gran cita do mundo cabalar na comarca do Salnés.

A Rapa das Bestas da Escusa celebrou o seu tradicional curro, que se iniciou sobre as 17.00 horas do domingo cun cheo absoluto na zona de público, pese ás elevadas temperaturas, e rexistrando unha grande afluencia tamén de aloitadores e aloitadoras. A tradicional persecución dos cabalos para separalos da manada e proceder a sanealos, cortándolles as críns e aplicando algún tratamento ou marca, contou con preto de cen equinos e cerca de 20 participantes de distintas idades.

Os animais foron devoltos ao monte antes das 21.15 horas e non se rexistraron grandes incidencias, pese á resistencia e forza amosada por moitos dos cabalos que foron sometidos ao tratamento nesta edición. 

RAPA CASTROVE_Ssueiro_ 1JPG
Un dos cen cabalos que pasaron pola tesoira na Escusa. S. SUEIRO

A Rapa do Monte Castrove é un dos referentes do mundo cabalar nas comarcas de Pontevedra e O Salnés e a programación, pese a concentrar todo o traballo cos cabalos nas últimas horas do domingo, comezou xa o venres cunha cea de confraternización de todo os membros da asociación cabalar. 

Concurso de aloitadores

A cita contou tamén con varios eventos importantes o sábado, xornada na que, a partir das 9.00 horas se iniciou o traballo para a xuntanza dos cabalos no pastizal. Esta tarefa levou aos membros da a asociación a percorrer todos os recunchos do Monte Castrove para dar coas distintas mandas que participaron na rapa. Ese mesmo día, ás 17.00 horas, tamén tivo lugar o concurso de aloitadores, seguido da festa, coa música de DJ Dieguiño.
Xa na propia xornada do domingo, o primeiro acto da mañá foi a conducción das bestas desde o pastizal onde foran reunidos ata o curro, onde esperaron ata o momento de inicio da rapa.

Posteriormente, aloitadores e membros da Asociación de Gandeiros de Monte Castrove acudiron ás 13.00 horas á misa solemne na honra de San Ramón, na capela aledaña e xa pola tarde centráronse nas tarefas organizativas e na rapa propiamente dita.

RAPA CASTROVE_Ssueiro_
Plano xeral da rapa. S. SUEIRO

A venda dos poldros e o tradicional sorteo deron paso á solta dos cabalos, coa que se despediu o evento. 
A Rapa das Bestas da Escusa contou coa presenza de representantes dos gobernos locais de Poio e de Meis, municipios que comparten o monte onde se crían durante todo o ano os cabalos mostrencos que son parte desta rapa. Entre eles, estaba a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez.