Telmo Martín e o Partido Popular, "unha garantía para os veciños de Sanxenxo"

Así definiu o presidente provincial do partido, Luis López, a candidatura do actual alcalde do municipio nun mitin celebrado este venres
Telmo Martín durante o primeiro mitin da campaña. DS
photo_camera Telmo Martín durante o primeiro mitin da campaña. DS

O presidente provincial do Partido Popular, Luis López, pediu hoxe en Sanxenxo “votar con cabeza, mirando os programas, sendo conscientes do que cada partido é capaz de dar e de ofrecer”, e asegurou que Sanxenxo “conta cun Goberno serio e decidido, liderado por Telmo Martín, para seguir traballando e poñer a este concello por riba de todo”.

Foi durante o primeiro mitin da campaña que se celebrou na noite deste venres en Sanxenxo, no que asegurou que o PP “é unha garantía para todos os veciños deste concello”, cun Goberno “que está sempre aportando novas ideas, marcando novas metas, atraendo novos investimentos, poñendo en marcha novos servizos... facendo crecer Sanxenxo, sen conformarse, sen acomodarse. Convertendo a este concello nun auténtico e verdadeiro referente, xa non só en Galicia, senón en todo o país”.

Por iso, recordou que o 28 de maio é importante que o PP volva a gañar por maioría absoluta. “Só hai dúas alternativas: Ou goberna Telmo ou volvemos aos multipartitos que sufristes ben os veciños hai non tanto tempo en Sanxenxo.

Multigobernos nos que o prioritario é repartir postos e soldos, que non teñen máis ambición nin proxecto que aspirar a que o Partido Popular quede a uns votos da maioría absoluta”.

O que necesita Sanxenxo, insistiu, “son garantías e estabilidade. E aquí hai feitos, aquí hai realidades. Non hai mensaxes baleiras, nin compromisos que non se asumen. Aquí hai un Goberno do Partido Popular con auténtica vocación de servizo público, de atender e buscar solucións para dar resposta ás demandas e necesidades de todo un concello”.

Pola súa banda, Telmo Martín incidiu en que é fundamental continuar coa liña emprendida en 2017, cando recuperou a alcaldía de Sanxenxo, e que se basea en tres liñas estratéxicas: reducir os impostos, seguir mellorando os servizos municipais e facer as infraestruturas pendentes e que Sanxenxo necesita.

Respecto aos proxectos para o concello e a parroquia de Padriñán, o candidato á reelección destacou a transformación do porto deportivo, a reforma do colexio A Florida e o novo mercado, que conlevará o soterramento dese tramo da avenida de Madrid. Ademais, recordou que hoxe non sería posible celebrar o mitin neste lugar si hai 22 anos non houbesen visto as oportunidades que ofrecía Nauta Sanxenxo.