Grande Amore e The Lelli Kely's encabezan o Ameixa Rock de Carril

O festival celébrase entre este sábado e o domingo con diferentes bandas e visitas guiadas á illa de Cortegada
Vistas da Illa de Cortegada desde o mar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Vistas da Illa de Cortegada desde o mar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Ameixa Rock regresa hoxe a Carril con diferentes citas que teñen ao mar e á natureza como protagonistas, en dúas xornadas nas que a música de Grande Amore e The Lelli Kely's serán os pratos fortes.

A cita abre este sábado cunha das visitas guiadas á Illa de Cortegada, que forma parte do Parque Natural Illas Atlánticas, e que está moi vencellada ao pobo, tal e como lembraron dende a organización. A actividade, cun prezo especial para o festival, comezará ás 10.30 e, para asistir, é necesario reservar con Corticata no 625 80 79 23 ou en [email protected]. Ás 13.30 horas será a quenda de Suso Aboy na sesión vermú, que dará paso a unha nova viaxe a Cortegada, ás 16.30 horas.

Máis tarde, abrindo a sesión da noite subiranse ao escenario o grupo local Rompekalaveras (21.15 horas). Xa para as 22.00 horas está prevista a actuación de The Lelli Kely's, un dos pratos fortes da xornada, cun directo enérxico e gamberro, que será o preludio de Grande Amore (23.30 horas), coa súa proposta electrónica e sen etiquetas. Para rematar, Kris Dj de La Duendeneta amenizará o resto da noite.

O domingo haberá outra sesión vermú con Perfect Strangers, un dúo de Vilagarcía de versións rock dos 80´s e 90´s (13.30 horas). Á tardiña, na praia da Covacha, Alejandra e Alexandre Dj´s farán un percorrido pola historia do rock pinchando os temas máis míticos de grandes bandas dende as 19.00 horas.