Vilagarcía aproba o convenio para executar o parking disuasorio de A Lomba

O solar, de 509 metros cadrados, sitúase na rúa Xunqueira, e a propietaria cédeo temporalmente de forma gratuíta
Interior do parking Xoan XXIII de Vilagarcía, recentemente municipalizado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Interior do parking Xoan XXIII de Vilagarcía, recentemente municipalizado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Apenas un días despois de ter presentado o Vaicar!, a rede de estacionamentos públicos incluída no Programa Municipal de Mobilidade, o Concello de Vilagarcía adopta a primeira das medidas previstas dentro desta estratexia. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o convenio que permitirá crear un aparcamento disuasorio na rúa Xunqueira, na zona da Lomba.

Tras as xestións realizadas polo executivo, a propietaria cede gratuitamente ao Concello un solar de 509 metros cadrados de superficie coa finalidade de que sexa utilizado como estacionamento. A cambio desta cesión temporal de uso, o Concello asume as tarefas de limpeza e acondicionamento do terreo.

Esta nova bolsa de aparcamento público servirá para facilitar o estacionamento de vehículos do barrio da Lomba, tanto para dar servizo á veciñanza, como para os usuarios dos centros educativos ou do campo municipal de fútbol. Cómpre lembrar que nesta mesma zona tamén se recolle no Vaicar! a apertura doutro disuasorio no solar municipal que posúe o Concello en Desamparados, xusto detrás da Escola Oficial de Idiomas e o campo da Lomba. A rede completarase con outras dúas bolsas de aparcamentos públicos e gratuítos previstas na zona dos Duráns e na rúa Castillejos, en Carril.

Coa política de creación de aparcamentos disuasorios que puxo en marcha o Goberno de Alberto Varela nos últimos anos, Vilagarcía conta actualmente con 2.400 prazas gratuítas de estacionamento estratexicamente situadas, cifra á que haberá que sumar en breve outras 250 coa apertura das novas catro bolsas mencionadas.

Ademais, a rede de aparcamentos públicos incorporou hai uns meses o parking soterrado de Xoán XXIII, que xa xestiona o Concello, e que en breve contará cun sistema de hora gratuíta para a veciñanza e descontos para o comercio local.