A Xunta de Galicia autoriza a remodelación do pavillón de Vilalonga

A actuación inclúe a reparación da cuberta, a impermeabilización, a substitución de carpintarías, a reparación e pintado de zonas interiores, a mellora das bancadas, a mellora da iluminación interior e exterior e a mellora da pista deportiva
Presentación do proxecto de mellora do pavillón de Vilalonga. DAVID FREIRE
photo_camera Presentación do proxecto de mellora do pavillón de Vilalonga no mes de abril. DAVID FREIRE

O Consello da Xunta aprobou o convenio de colaboración entre o Concello de Sanxenxo e a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, para acometer a execución das obras de reparación e melloras do pavillón de Vilalonga.

A obra contará cun investimento de preto de 250.000 euros (249.101,72 euros), cuxas actuacións a Xunta de Galicia financiará coa cantidade de 175.000 euros para os exercicios 2023 e 2024 e o Concello de Sanxenxo, os restantes 75.000 euros.

O Concello de Sanxenxo dispón dun pavillón deportivo nunha parcela na parroquia de Vilalonga, nos terreos anexos ao Instituto de Educación Secundaria Plurilingüe de Vilalonga. Esta é unha instalación municipal referente en canto a volume de utilización pola veciñanza.

A actuación que se vai acometer comprende as obras de reparación e melloras do pavillón e inclúe os seguintes aspectos: A reparación da cuberta, a impermeabilización, a substitución de carpintarías, a reparación e pintado de zonas interiores, a mellora das bancadas e a mellora da iluminación interior e exterior. Ademais, mellorarase a superficie da pista deportiva.

Actualmente este pavillón está a ser utilizado polo IES de Vilalonga para realizar as clases de Educación Física e tamén polo Club Sanxenxo de Balonmán para os seus adestramentos, así como polo club de fútbol sala Asociación Xuvenil Saraiba do Mar.