A Brilat celebrará o Día da Festa Nacional en Vilagarcía de Arousa

Este evento será os días 27 e 28 de setembro e contará con música, unha exhibición e un acto de xura de bandeira
Brilat Gonzalo
photo_camera Exposición de material da Brilat. GONZALO GARCÍA

A Brigada Galicia VII- Brilat do Exército de Terra ten previsto realizar en Vilagarcía de Arousa varios actos con motivo do Día da Festa Nacional. As celebracións terán lugar os días 27 e 28 de setembro e consistirán nun concerto de música militar, unha exhibición de medios materiais do Exército e un acto de xura de bandeira para persoal civil.

Para dar a coñecer estas actividades e facilitar a inscrición ás persoas que desexen xurar bandeira, persoal da base de Figueirido instalará o martes, 10 de setembro, unha carpa informativa na Praza de Galicia.

As celebracións comezarán o día 27 de setembro cun concerto de Bandas a cargo da Unidade de Música do Mando de Apoio á Manobra. Será no Auditorio a partir das 20.00 horas e con entrada libre e de balde ata completar aforo. Os actos centrais serán o sábado 28 de setembro e desenvolveranse no Parque Miguel Hernández. Alí organizarase a exposición estática e interactiva de material do exército de Terra e tamén se realizarán xogos e actividades para o público infantil tanto o día 27 como o 28 pola mañá. A celebración do Día na Festa Nacional culminará coa xura de bandeira civil o sábado a mediodía.

As persoas interesadas en xurar por primeira vez ou renovar o seu xuramento poden anotarse na carpa instalada o martes ou contactando coa Subdelegación de Defensa de Pontevedra a través do teléfono 986 807 535 ou do correo electrónico: [email protected].

Ademais de celebrar o Día da Festa Nacional, con estre tipo de actividades o Exército de Terra fai un achegamento á poboación civil para dar a coñecer o servizo público e a labor que realizan as tropas en beneficio da comunidade, tanto colaborando en operacións no territorio nacional, como en misións militares no estranxeiro. O Concello de Vilagarcía colabora coa Brilat na difusión dos actos e na posta a disposición das instalacións e medios materiais para o seu desenvolvemento.