O festival Revenidas estima superar os 26.000 asistentes na súa XXI edición

▶ O director de Turismo, Xosé Merelles, participou na presentación da cita, que concentrará a 39 bandas entre os días 12 e 15
Representantes da Xunta, Deputación, Concello e organización da cita, onte en Vilagarcía. DS
photo_camera Representantes da Xunta, Deputación, Concello e organización da cita, onte en Vilagarcía. DS

O festival Revenidas acada a súa XXI edición en Vilaxoán entre os días 12 e 15 de setembro cunha previsión de asistencia que supera as cifras acadadas o pasado ano, cando acudiron á cita 26.000 persoas. Así o puxo de manifesto a organización durante a presentación oficial do cartel, que tivo lugar onte en Vilagarcía, coa participación do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Merelles, quen reiterou o apoio da Xunta de Galicia á iniciativa, salientou a singularidade do evento, que acadou dous postos como finalista en dúas categorías do Iberian Festival Awards, e que este ano repite fórmula cunha combinación de música, espectáculo circense e gastronomía, incrementando deste xeito "a proposta turística dun enclave situado en plena Ría de Arousa".

Neste sentido, o representante autonómico salientou a combinación de concertos dirixidos a un público amplo con outros de menor formato, que terán lugar a bordo do barco tradicional Chasula, no que un máximo de 12 persoas poderán escoitar a Fillas de Cassandra, Sés, Lontreira, Catuxa Salom e Monoulious Dop o sábado 14 e o domingo 15 durante unha travesía pola Ría de Arousa. Ademais, o domingo tamén haberá sardiñada e circo solidario con Cris Collazo, Mago Noel, Peter Punk, Brais das Hortas, Jack Jhonson e Jhon Jackson, Sue Moreno ou N+1.

"Desde Turismo de impulsamos todos aqueles eventos que suman atractivos ao destino galego que vive na actualidade un importante e rendible momento", asegurou Merelles, quen salientou a importancia das citas musicais e de espectáculos do verán galego, que "fan que Galicia sexa un destino vencellado con este tipo de oferta", que será un dos eixos da Estratexia de Turismo 2024-2030 que "estamos a ultimar e que será a nosa folla de ruta para os vindeiros anos", manifestou.

Pola súa banda, a deputada de Turismo, Nava Castro, salientou a "oferta de gran relevancia e atractivo" da cita, coma unha "experiencia 100% Rías Baixas".