O pavillón de Fontecarmoa ultima as súas obras de reparación

A Xunta de Galicia autorizou a sinatura do convenio de colaboración cun proxecto que ten un investimento de 1,6 millóns de euros, dos cales 350.000 son da administración 
Traballos na cuberta do pavillón de Fontecarmoa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Traballos na cuberta do pavillón de Fontecarmoa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Consello da Xunta de Galicia autorizou a sinatura do convenio de colaboración entre a consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello de Vilagarcía para colaborar no finaciamento das obras de reparación da estrutura, substitución de cubertas, mellora da envolvente e acondicionamento interior do pavillón polideportivo de Fontecarmoa, cun investimento de 1,6 millóns, dos cales a Xunta de Galicia achegará un total de 350.000 euros. 

O resultado desta actuación será un complexo deportivo confortable, seguro e saudable no que rexerán os principios de funcionalidade e seguridade acompañados de criterios de eficiencia enerxética, adaptación climática, racionalidad construtiva, custos moderados e fácil mantemento. 

O pavillón de Fontecarmoa acolle, desde hai corenta anos, os partidos e adestramentos dos equipos locais, así como eventos de carácter nacional ou internacional, como é o caso do Torneo EncestaRías, que verán tras verán, achega a Vilagarcía de Arousa os mellores equipos de baloncesto europeo.