O roteiro 'Re-Descubre Vilaxoán' abre as actividades do Revenidas

O festival comeza o xoves cos concertos de Lendakaris Muertos , Muchachito Bombo Infierno, Dakidarría, The Tyets, Balkan Paradise Orquestra, Mafalda, Vértebras, Trashtucada e A Duendeneta
(_G4A7416.JPG)  Salnes Festival Revenidas en Vilaxoan Concierto de Desakato estan acreditados los 3 fotografos del turno del finde recoger acreditaciones en la caseta de recogida de pulseras17124
photo_camera Un concerto da pasada edición do festival que se celebra en Vilaxoán. GONZALO GARCÍA

Como xa é tradicional, o roteiro por Vilaxoán guiado por Xurxo Souto marcará o punto de arranque do festival Revenidas. O roteiro “Re-Descubre Vilaxoán” parte ás 19.30 horas deste mércores do Centro Social e Deportivo de Vilaxoán para percorrer espazos emblemáticos da vila como os pazos de Pardiñas e Sobrán (que abrirán as súas portas para poder ser visitados no seu interior), as pías da salga, o lavadoiro ou a praza Rafael Pazos. Para amenizar este percorrido Xurxo Souto contará coa colaboración do gaiteiro Carlos Rey e dalgúns dos compoñentes da Coral de Vilaxoán.

O xoves,, a partir das 18 horas, a Duendeneta será a encargada de facer soar as primeiras notas musicais no recinto do Revenidas 2024. Carlos Crespo e Kris K Dj animarán os primeiros intres do festival, dende a apertura de portas ata o comezo do primeiro dos concertos, o de Vértebras, dúo de hip hop feminista e comprometido que forman as viguesas Ika Suversiva e Amari.

O segundo dos concerto, a partir das 19.20 horas terá como protagonistas a The Tyets, un dúo de Mataró que coa súa proposta de 'trapetón' converteuse no primeiro grupo que canta en catalán con máis dun millón de oíntes ao mes en Spotify. Ás 20.30 horas actuarán Balkan Paradise Orchestra, ás 21.30 horas haberá unha nova sesión da Duendeneta e ás 22 horas comezará Lendakaris Muertos, un dos grandes nomes propios do punk estatal.

Os valencianos Mafalda, que este ano anunciaron a súa disolución, ofrecerán no Revenidas o seu derradeiro  concerto en Galicia a partir das 23.20 horas. Tras eles, ás 00.25 horas, será a quenda de Muchachito Bombo Infierno, quen sube por ver primeira ao escenario de Vilaxoán. O penúltimo concerto será, ás 01.50 horas, o de Trashtucada, un septeto que mestura rock, reggae e ska. A primeira xornada do Revenidas rematará cunha actuación de Dakidarría a partir das 02.50 horas.

Estrea do documental de Dakidarría

O Revenidas acollerá o venres a preestrea absoluta do documental 'Seguimos en Pé!', que recolle o concerto especial que Dakidarría ofreceron no festival de Vilaxoán en 2023, no que participaron máis de 50 artistas convidados, así como outros momentos da xira ‘XX Aniversario’.

A proxección do documental terá lugar ás 13 horas no Centro Sociocultural e Deportivo de Vilaxoán e contará con varios dos compoñentes do grupo que charlarán co público e comentarán curiosidades da película. A preestrea rematará cun pequeno concerto en acústico de Dakidarría.  A entrada, tanto para a proxección como para o concerto, é de balde ata completar aforo.

Cata dos sentidos

As “Catas dos sentidos” de Paco & Lola veñen a sumarse as 'Experiencias Revenidas' que se completan co roteiro guiado, a sardiñada do domingo, a gala de circo solidaria e os concertos a bordo, para os que xa se esgotaron as entradas.

As catas terán lugar, no propio recinto do festival, o xoves o venres ás 18.30 horas e o sábado ás 13.30 e 16.30 horas. Poderán participar nelas un máximo de 20 persoas en cada unha. Os participantes poderán desfrutar, con cascos inhalámbricos, dunha cata de viños Paco&Lola comentada por técnicos da bodega.

Os pases para as catas teñen un prezo de 4 euros (+gastos de xestión) e poden mercarse en https://revenidas.com/cata-dos-sentidos.