Mañá martes 15 de novembro dará comezo unha nova edición do proxecto de educación en valores Activistas polo Mundo que Queremos que busca xerar activismos xuvenís nos eidos do feminismo, o medio ambiente, o antirracismo e a loita LGTBI en centros educativos de toda Galicia. A actividade forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A primeira cita levará ao equipo ata o CPI Alcalde Xosé Manuel Pichel en Coristanco e ao IES As Bizocas do Grove. Nos vindeiros días sumaranse tamén os centros da cidade de Pontevedra IES Luís Seoane e IES Montecelo, o centro vigués IES Valadares e o IES María Casares en Oleiros.
Nesta primeira toma de contacto no mes de novembro, case seiscentos estudantes achegaranse a o concepto de “activismo”, en torno ao que xira o proxecto, cun itinerario composto por sete obradoiros denominados “paradas”, que se desenvolverán ao longo de todo o curso escolar. O obxectivo final consiste en formar unha cidadanía activa e crítica, que identifique e combata as ameazas arredor da convivencia.
Pero sen dúbida esta será unha edición moi especial xa que o proxecto cumpre o seu décimo aniversario. Nestes dez anos de vida Activistas polo Mundo que Queremos chegou a máis 4300 mozos e mozas, a 240 profesores e profesoras e a 56 centros educativos a os que se suman os seis deste ano.
O percorrido didáctico que realizará o alumnado neste curso mestura a formación presencial coa online e establece as seguintes paradas:
- Parada 1 (presencial). Novembro. Que significa ser activista? Primeiro obradoiro para dar a coñecer o proxecto, a aula virtual e os conceptos cos que imos traballar.
- Parada 2 (presencial). Decembro. Comunicación transformadora. Analizamos os medios de comunicación de masas e as redes sociais dende unha perspectiva crítica.
- Parada 3 (virtual). Xaneiro. Os activismos. A rapazada achégase ás principais desigualdades (medioambiental, feminista, antirracista e LGTBI) e coñece as maneiras de actuar na súa contorna a nivel local contra problemas que teñen repercusión global.
- Parada 4 (virtual). Febreiro. Guións radiofónicos. Creamos os guións para as nosas pezas radiofónicas, dedicadas a un dos catro activismos propostos.
- Parada 5 (presencial). Marzo. Obradoiro de radio. O alumnado crea o seu propio programa de radio de combate, que se grava de maneira conxunta na aula.
- Parada 6 (virtual). Abril. Outros contextos sociais. Coñecemos a loita de activistas procedentes doutras partes do mundo.
- Parada 7 (presencial). Abril. Encontros con activistas do Sur. Persoas implicadas nas loitas contra as diferentes desigualdades tratadas co alumnado visitan os centros educativos e achegan os seus desafíos e as ferramentas empregadas para combatelos.
Estas sete paradas son froito da colaboración das catro entidades implicadas neste proxecto: As ONGDs Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a cooperativa Feitoría Verde, co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.