O Goberno dedica 1,4M€ ao impulso da innovación do sector pesqueiro e o reforzo da protección do medio mariño

O subdelegado do Goberno visita as instalacións do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) do Grove para coñecer de primeira man o proxecto que desenvolverá xunto con ARVI para reducir as interaccións negativas entre cetáceos e embarcacións mediante o uso dun dispositivo sonoro
 
Abel Losada, José Cacabelos, Ángeles Domíguez e Bruno Díaz na visita ao BDRI. DS
photo_camera Abel Losada, José Cacabelos, Ángeles Domíguez e Bruno Díaz na visita ao BDRI. DS

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anunciou o venres 30 de agosto que 10 entidades da provincia recibirán 1,37 millóns de euros para desenvolver dez proxectos destinados a impulsar a economía azul, a innovación e a sustentabilidade do sector pesqueiro e acuícola e a reforzar a protección da Rede Natura 2000 no medio mariño. Fíxoo durante a súa visita ás instalacións do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) do Grove, na que estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Cacabelos, e a concelleira e tenente alcalde, Ángeles Domínguez, e do director da entidade, Bruno Díaz.

Esta organización participa, xunto con ARVI, nun dos 10 proxectos da provincia seleccionados no marco do Programa Pleamar. En concreto, ambas entidades desenvolverán un estudo co gallo de minimizar as interaccións negativas entre cetáceos e a actividade pesqueira do cerco mediante o emprego de dispositivos sonoros. Neste sentido, o director do BDRI, Bruno Díaz, agradeceu a colaboración do Goberno de España e incidiu na importancia de desenvolver proxectos que favorezan a sustentabilidade da pesca, como neste caso en concreto, no ámbito do cerco. Pola súa banda, o alcalde da localidade, subliñou “a importancia que supón para un municipio como O Grove contar cun instituto científico de referencia como é o BDRI, que o Executivo vén de apoiar nunha nova ocasión”.

Amais, outras oito entidades da provincia resultaron seleccionadas pola Fundación Biodiversidade, pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, para participar en nove proxectos que contan cun orzamento total de 3,3 millóns de euros ―cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA)―. Coa resolución destas axudas ponse en marcha a primeira convocatoria do novo programa Pleamar, que pretende reforzar as actuacións que axuden a impulsar a transición ecolóxica no medio mariño a través da mellora do coñecemento, a conservación e a restauración dos ecosistemas e a investigación en recursos mariños e gobernanza, poñendo o foco na Rede Natura 2000.

Os 43 proxectos seleccionados nesta convocatoria serán executados por 54 entidades, dez delas radicadas na provincia. Así, a Universidade de Vigo participará en tres proxectos, dirixidos a reducir o impacto da pesca no medio mariño e avanzar na acuicultura.  Así mesmo, Autoridade Portuaria de Vigo, xunto coa Universidade de Vigo, a de Oviedo e o CSIC, promoverán unha iniciativa para restaurar os ecosistemas portuarios,O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), de Vigo, integrarase nun proxecto para a implantación dunha certificación nacional de reciclado de aparellos de pesca e a viguesa Fundación para a pesca e o Marisqueo (FUNDAMAR) participará nun laboratorio de valorización do lixo mariño.

O centro tecnolóxico vigués Energy Lab coordinará o proxecto de recuperación de residuos plásticos e a Deputación de Pontevedra levará a cabo un programa de sensibilización ambiental nas contornas da Rede Natura 2000.Pola súa banda, o Consello Regulador do Mexillón de Galicia (CRMG), radicado en Vilagarcía de Arousa, levará a cabo xunto ao CSIC, unha investigación sobre o cultivo de mexillón en batea e o Clúster de Acuicultura (CETGA) de Vigo, participará nun proxecto de potenciación do cultivo de macroalgas.

Abel Losada salientou que esta convocatoria evidencia, unha vez máis, que “Vigo, a comarca de Arousa e a provincia, consolídanse como motores de investigación do futuro da cadea mar-industria, xa que case un 20 % das entidades beneficiarias sitúanse na provincia, que acada o 10 % do orzamento da convocatoria”. “Nestes tempos nos que tantas incertezas parecen axexar sobre a xente que vive do mar é importante que haxa investimentos en I+D+i que garantan a competitividade de Galicia”, incidiu.Os proxectos terán unha duración máxima de 18 meses. No novo período 2021-2027 está prevista a publicación de dúas convocatorias de axudas, a próxima para 2025, por un importe total superior aos 29 millóns.
 

O BDRI
O Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) é un centro de investigación do medio mariño, creado en 2005 no Grove e dedicado ao estudo e á conservación da biodiversidade mariña. O centro dispón dun permiso especial do MITECO para desenvolver a investigación científica e programas de formación no estudo dos mamíferos mariños en augas españolas.