Emgrobes mostra o seu malestar ao ter que reubicar 'A Cociña do Mar'

Esta xornada gastronómica é un imprescindible da Festa do Marisco de O Grove e, este ano, ten que buscar un novo lugar tras a falta da carpa Institucional
Xornada inaugural da Festa do Marisco 2023. DAVID FREIRE
photo_camera Xornada inaugural da Festa do Marisco 2023. DAVID FREIRE

A Asociación de Empresarios Emgrobes ten que buscar un lugar alternativo para poder facer unha das actividades máis exitosas de promocións de produtos do mar, A Cociña do Mar que sempre forma parte do programa da Festa do Marisco de O Grove. Isto xorde tras a falta de espazo nas carpas da festa, onde se levaría a cabo a XVI edición destas xornadas gastronómicas. 

Dende Emgrobes declaran que se sinten decepcionados por "como se enfocou o tema por parte da organzación da Festa do Marisco" e, aínda que entenden que a carpa institucional pode non compensar polo custo, tamén entenden que "con previsión e organización esa carpa podería estar cuberta de accións e actividades como en edicións anteriores", engaden. 

A Asociación declara que leva solicitando reunións co alcalde, José Antonio Cacabelos, e a corporación municipal dende principio de ano, "para tratar problemas importantes e necesidades fundamentais para o mellor desenvolvemento da vila dende o punto de vista turístico, comercial e xeral". A pesar dos esforzos realizados para intentar colaborar e axudar, consideran que na organización da Festa "reinou a deixadez, a desidia, e a falta de ilusión. Pola tardanza para sacar e publicitar o cartel, a falta de presetnación fóra da vila, a tardanza en licitacións e sobre todo a falta de información", engaden. 

Así, Emgrobes critica que a noticia de que non haberá carpa institucional chegoulles por unhas declaracións en prensa cando se presentou o cartel da Festa este verán e, que na conversa co alcalde, comentoulles que estaba buscando alternativas para as accións de Emgrobes e outras que se realizaban nesta carpa. Porén, non tiñan confirmado que non se realizaría nada nun destes lugares ata o pasado venres, no Consello sectorial de Turismo. 

A intención dos representantes dos empresarios é seguir aunando esforzos por mellorar e levar a cabo accións de interese económico xeral para O Grove, de promoción e defensa desta. Co apoio da Consellería do Mar e do Fondo Europeo de Pesca teñen a axuda, nas xornadas que levan a cabo, para promocionar produtos menos coñecidos da cociña do municipio pero de excelente calidade. Ademais, de seguir realizando a xa tradicional feira de oportunidades Grovestock, tamén no programa da Festa do Marisco. 

Así, Emgrobes ten como obxectivo principal "seguir loitando e pedindo melloras para a vila, ante as administracións responsables, representando os intereses dos seus socios e socias pero tamén de todos os empresarios de O Grove'".