O PP de O Grove denuncia a mala xestión do seu alcalde

O voceiro do partido político declara que o alcalde "leva todo o verán chorando para tentar tapar a súa incapacidade para coneguir os investimentos que precisa O Grove"
Pablo Leiva durante a pasada campaña electoral. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Pablo Leiva durante a pasada campaña electoral. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O PP de O Grove lamenta a actitude política do seu rexedor, José Antonio Cacabelos nas últimas semanas, xa que, segundo o voceiro do partido político, Pablo Leiva: “O alcalde Cacabelos leva todo o verán chorando para tentar tapar a súa absoluta incapacidade para conseguir os investimentos que precisa o pobo do Grove e deste xeito, ademais de non conseguir eses fondos de fóra, tampouco lle queda tempo para atender ao noso Concello, que está completamente abandonado”. Así, destaca que José Antonio Cacabelos só se dedicada a "queixarse cara a Xunta, malia que esa vía non serve para solucionar os problemas dos veciños nin conseguir as obras de administración autonómica que necesita o municipio". 

O concelleiro popular recalca que outros termos da comarca gobernados por socialistas, como Vilagarcía de Arousa ou Cambados, si que están a recibir importantes actuacións da Xunta en materia de saneamento, portos, infraestruturas sanitarias ou turísticas. “Polo que está claro que non hai unha persecución política contra un alcalde do PSOE, neste caso o do Grove, senón un señor que é incapaz de negociar e xestionar porque está todo o día laiándose como única forma de entender a política e de conseguir votos”.

En todo caso, Pablo Leiva cre que o alcalde, ademais de mudar de actitude para conseguir investimentos da Xunta tras nove anos de intentalo, debería centrarse en primeira instancia en atender os “moitísimos problemas que ten O Grove en materia de competencia exclusivamente municipal, e que desbordaron por completo ao longo deste ano e neste verán e provocan que o noso municipio estea nunha situación de abandono e colapso como nunca na súa historia”.

Así, lembrou que hai importantes eivas e deficiencias na contorna de San Vicente, na Toxa, no deficiente mantemento de praias e na habilitación de accesos “que foi lamentable xa que comezaron as obras dos mesmos a mediados de agosto”, nos baños públicos do Corgo ou no mal estado das rúas, arcéns, beirarrúas e rotondas. Ademais, incidíu en que os problemas exténdese por todo o concello "con árbores tiradas sen retirar, paseos cheos de maleza, decenas de farolas que non acenden, os carrís das bicicletas inutilizables ou un deficitario servizo de recollida de lixo e de limpeza".