O BNG de Sanxenxo denuncia o retraso nas obras da Avenida de Madrid

Fran Leiro acusa a Telmo Martín de mentir a veciños e comerciantes da rúa con que as obras se paralizarían
O voceiro do BNG, Fran Leiro.
photo_camera O voceiro do BNG, Fran Leiro.

O Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo acusa a Telmo Martín de mentir a moitos veciños e veciñas, así como a comercientas e hostaleiros, sobre as obras do paso subterráneo da Avenida de Madrid, en pleno centro urbano. Aclaran que a pesar de que o alcalde asegurou que os traballos paralizaríanse en verán, retomándose no outono para non interferir a tempada estival, "atopámonos en pleno mes de xullo e a actuación continúa", sinalou o voceiro nacionalista, Fran Leiro. 

O concelleiro do BNG explica que este feito está a provocar moitas molestias a residentes e comerciantes da rúa, xa que as obras comezan a primeira hora da mañá. "Está claro que os operarios teñen que cumprir coas súas obrigas, pero isto non foi o que lles prometeu aos veciños e veciñas antes do verán", remarcou Leiro. 

Así, desde o partido nacionalista aseguran que este non é o único incumprimento feito por parte do alcalde. “Telmo Martín tamén asegurou que no verán a obra quedaría xa cuberta e a realidade é que dista moito de estar así a día de hoxe. Sabemos que a palabra de alguén que promete baixar impostos e despois os sobe non é precisamente de moito valor, pero a nosa veciñanza merece un respecto, máxime cando se está a falar dun tema tan importante, xa que está en xogo o tempo de descanso e a actividade comercial da zona”, sinalou Fran Leiro.

Por outra banda, desde o BNG tamén se fan eco das queixas de moitos e moitas residentes na Avenida de Madrid con respecto aos atascos que provocan estas obras, especialmente no cruce coa Rúa Cesteiros, que sube ata o semáforo da PO-308. “Estanse a producir retencións practicamente todos os días, o cal xa se suma ao colapso que está a experimentar Sanxenxo desde xuño, pola falta de estacionamento. Todo isto é consecuencia da política de cemento e da incapacidade de xestión de Telmo Martín, que está a sumir no caos ao concello cando aínda faltan máis de dúas semanas para agosto”, rematou o voceiro do Bloque.