Rueda destaca a "asistencia de calidade" dos profesionais sanitarios durante o verán

O presidente resalta "o éxito das medidas implantadas pola Xunta de Galicia" que permitiron incrementar a actividade asistencial respecto ao ano pasado
Acto de recoñecemento ao persoal sanitario do Plan de verán
photo_camera Alfonso Rueda recoñece o labor do personal sanitario galego durante o verán na súa visita ao Hospital do Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o labor dos máis de 48.000 profesionais sanitarios contratados cada día no Sergas este verán e que garantiron unha asistencia de calidade en toda Galicia durante os meses estivais. Así, na visita ao Hospital do Salnés, agradeceu o traballo de todos, poñendo como exemplo os 400 médicos que están a colaborar no plan de reforzo da asistencia sanitaria que o Goberno autonómico puxo en marcha no período estival.

“Grazas por facer da sanidade pública galega unha sanidade excelente”, indicou durante o acto de recoñecemento na instalación sanitaria do Salnés, no que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e no que lembrou a aposta da Xunta pola mellora constante da sanidade pública mediante "o reforzo dos investimentos en infraestruturas e tecnoloxía sanitaria e destinando a metade dos orzamentos a este eido".

Nun verán marcado pola falta de médicos nalgunhas especialidades que vive todo o país, a Xunta puxo en marcha un plan específico, dotado de 12,5 millóns de euros, para garantir a asistencia sanitaria de calidade a todos os galegos e galegas e que permitiu que a sanidade pública galega contase de media diaria en xullo e agosto con 1.500 profesionais máis contratados que o ano pasado.

Entre as medidas extraordinarias impulsadas está a creación dunha bolsa de médicos voluntarios para cubrir as gardas nos Puntos de Atención Continuada -á que se apuntaron máis de 300 profesionais-; un programa especial de apoio por parte dos facultativos do 061 -no que participou máis dunha vintena de médicos-; medidas de mobilidade, para trasladarse temporalmente aos centros de saúde con maior demanda no verán polo aumento de poboación (cunha decena de participantes) e a posibilidade de que os MIR, os médicos residentes no seu cuarto curso de formación, que así o quixesen puideran axudar aos médicos de atención primaria á hora de pasar consulta (participaron 104 de medicina familiar e sete de pediatría).

Actividade sanitaria no verán

Alfonso Rueda salientou que o reforzo de persoal durante os meses de verán na sanidade pública galega permitiu, non só manter a actividade habitual no período estival, senón incrementala respecto doutros anos. Así, os quirófanos dos hospitais galegos operaron máis e operaron máis patoloxías prioritarias, que viron, ademais, reducidas as súas esperas. En concreto, o Sergas realizou “1.400 cirurxías programadas máis” -500 delas de prioridade 1, o que supón un 8% máis que no verán de 2023-. 

“Tamén aumentaron un 6% as asistencias en urxencias”, indicou o presidente, tanto nos hospitais como nos PAC, “mentres que se mantivo o número de probas diagnósticas realizadas (1,5 millóns) e o número de consultas de atención primaria”. Polo tanto, as urxencias dos hospitais e as dos PAC atenderon máis pacientes ca nunca, evitándose moitas hospitalizacións.

Ademais, o 061 atendeu 5.000 chamadas máis ao longo deste verán ata chegar as 210.000, das que o 90% foron asistidas en menos de 10 segundos; e as campañas de doazón de sangue permitiron realizar máis de 11.000 operacións cirúrxicas, transfundir plaquetas a 5.600 pacientes oncolóxicos ou facer de media un transplante de órgano ou tecido ao día na comunidade.