Música e gastronomía na XXX Festa do Mexillón e Berberecho

A festa de Vilanova de Arousa será do 8 ao 11 de agosto e contará coa súa típica feira de oportunidades
Gonzalo Durán e Roberto Álvarez, no centro, presentaron a Festa do Mexillón e do Berberecho. DS
photo_camera Gonzalo Durán e Roberto Álvarez, no centro, presentaron a Festa do Mexillón e do Berberecho. DS

A praza Avelino Vicente do Concello de A Guarda foi o escenario para presentar a trixésima edición da Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa, que se celebrará do 8 ao 11 de agosto. Esta iniciativa encádrase dentro dun intercambio promocional entre ambos concellos, xa que A Guarda presentou a súa Festa da Langosta na vila natal de Valle-Inclán. 

O acto estivo presidido polos alcaldes de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida,e  de A Guarda, Roberto Álvarez Carrero. Tamén estaban presentes Javier Touris Romero, tenente alcalde e deputado provincial e outros representantes de ambos. O máis destacado, a presenza do do alcalde da cidade de Santa Tecla en El Salvador, Henry Flores. 

Propostas para todos os gustos e públicos

Sobre o programa festivo, Durán indicou que comezará o día 8 de agosto coa apertura da carpa gastronómica na Praza do Castro ás 13.00 horas e a visita oficial, ás 13.30 horas. “Agardamos superar os 5.000 comensais durante as 4 xornadas desta trixésima edición da festa, establecendo un novo récord de asistentes a este espazo onde poderán degustar as máis variadas receitas con mexillóns e berberechos”, explicou o rexedor.

A xornada do venres 9 comezará coa apertura da xa tradicional Feira de Oportunidades, que congrega unha vintena de comercios locais asociados a Vilanova Centro. Instalaranse na Avenida do Recheo e ofrecerán grandes descontos en todo tipo de artigos, destacando especialmente a roupa, calzado e complementos.

A segunda grande cita do día será a actuación da Orquestra Panorama. Terá lugar ás 23.00 horas no Parque do Cabo.

A música continuará o sábado 10 de agosto co concerto de Antonio Barros & Lis Pardo, ás 22.00 horas na Praza do Castro. A xornada do sábado contará, como xa é tradición, coa procesión marítima na honra da Virxe do Carme. Os barcos lucirán as súas mellores galas para acompañar á súa patroa durante o percorrido pola ría ata a ponte que une Vilanova coa Illa de Arousa.

O día grande da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa será o domingo 11 de agosto. O acto central comprenderá a lectura do pregón e a entrega das Insignias de Ouro e Brillantes, que terá lugar ás 13.30 horas na Praza do Castro.

O broche de ouro ao programa virá da man de Roi Casal. O artista ofrecerá un concerto ás 21.00 horas no Xardín Umbrío.

Gonzalo Durán lembrou que “todas as actividades incluídas no programa da nosa Festa son de carácter gratuíto”. Neste senso, animou a cidadanía e visitantes a achegarse a Vilanova na segunda semana de agosto para gozaren dunha exaltación gastronómica que lles deixará un excelente sabor de boca.

Degustación de oito pratos 

A presentación da XXX Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa completouse cunha degustación de pratos elaborados polo alumnado de Restauración e Cociña do Obradoiro de Emprego Mar de Santiago III. Estas propostas ratificaron a versatilidade gastronómica e a calidade dos dous produtos estrela do municipio. Así mesmo, foron acompañados polo albariño de Granbazán, que colaborou cedendo o seu viño para esta iniciativa.

Os oito pratos elaborados polos vinte participantes nesta iniciativa foron os seguintes: Mexillóns á mariñeira, mexillóns á vinagreta, dip de mexillóns, ensalada de xudías brancas, berberechos, salmón afumado e vinagreta de mango, pastel de mexillóns e atún claro, empanada de mexillóns e de berberechos, croquetas de mexillóns e pementos recheos de mexillóns e berberechos.

Os rexedores de Vilanova e A Guarda agradeceron o bo facer do alumnado do Obradoiro de Emprego Mar de Santiago III, ao ser quen de poñer en valor os dous produtos estrela do municipio vilanovés a través destas deliciosas propostas gastronómicas.