Aberto o prazo para inscribirse na ruta ornitolóxica 'Voando nas Rías Baixas'

Terá lugar o 23 de xuño e permitirá observar aves na contorna da praia da Lanzada
Particpantes na primeira ruta ornitolóxica organizada pola Deputación na Lanzada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Particpantes na primeira ruta ornitolóxica organizada pola Deputación na Lanzada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Deputación de Pontevedra abre este luns 10 de xuño, ás 9:00 horas, o prazo de inscrición para participar na quinta ruta ornitolóxica do programa 'Voando nas Rías Baixas'. Esta nova actividade impulsada pola institución provincial da man de Seo/BirdLife terá lugar o domingo 23 de xuño na contorna da praia da Lanzada, nos Concellos de Sanxenxo e O Grove. As solicitudes permanecerán abertas ata o 21 de xuño  ás 12:00 horas ou ata completar a capacidade (25 prazas).

A praia da Lanzada é un dos últimos redutos da nosa provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave que se enfronta a un risco moi alto de extinción. Deste xeito, a través de telescopios e prismáticos e mantendo unha distancia prudencial, as persoas participantes poderán ver os niños, protexidos con gaiolas e balizas, e as familias de píllaras cos seus adorables paxariños que corrican pola area. Ademais, tamén se explicará ás persoas participantes os problemas aos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos areais das Rías Baixas.  

As persoas interesadas en participar poderán facelo a través do formulario publicado no portal web da Deputación. Poderase anotar a persoa solicitante xunto cun máximo de tres acompañantes. O percorrido, ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento como para a visita da zona na que ten lugar a actividade. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado, e cada participante terá á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle cadansúa guía.

O programa 'Voando nas Rías Baixas' contempla en 2024, ademais dos catro percorridos xa realizados e este pola praia da Lanzada, outras dúas rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000: en setembro nas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro no esteiro do río Miño (A Guarda).