José López anuncia no Grove a creación da Rede Adival de dinamización cultural no rural

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu no municipio arousano á obra Travesía Unicornio, de Teatro Ghazafelhos, incluída na programación de Cultura no Camiño
O conselleiro José López xunto os nenos e nenas que presenciaron a obra Travesía Unicornio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O conselleiro José López xunto os nenos e nenas que presenciaron a obra 'Travesía Unicornio'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou que a Xunta terá lista "despois do verán" a orde de creación da Rede Adival de dinamización cultural no rural de Galicia, “un proxecto que chegará a todo o territorio e no que ninguén quedará fóra deste circuíto, independentemente do seu lugar de residencia ou idade”. 

Así o adiantou tras asistir no Concello do Grove á obra Travesía Unicornio, de Teatro Ghazafelhos, incluída na programación de Cultura no Camiño. Este programa forma parte da campaña do CulturON coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a ofrecer este verán uns 30 espectáculos diarios de diferente tipoloxía e para todos os públicos en máis de 200 concellos.

O responsable de Cultura do Goberno galego puxo en valor o “importante impacto cultural” que suporá a Rede Adival para a poboación que vive fóra das áreas urbanas. Deste xeito, erixiuna como unha “potente ferramenta” para facilitarlle aos habitantes do rural acceso a este tipo de programacións, á vez que permitirá que se lle incremente  a oferta para que poidan participar en actividades culturais, “o que supón un pulo significativo para a democratización cultural en todo o territorio galego”, salientou.

En todo caso, explicou que se van fixar xuntanzas de carácter interno e externo “de cara á divulgación desta proposta para o seu coñecemento en todo o territorio”. A estas reunións estarán convocadas institucións como o Consello da Cultura Galega ou Afundación, así como xestores e industrias culturais, equipamentos museísticos, federacións, asociacións e fundacións,  entre outros axentes.