Summer Shop Artesanía de Galicia & D-Due, una pop up de artesanía galega en Sanxenxo

O Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou a tenda que mostra un total de 28 obradoiros e 17 oficios diferentes
Visita á tenda pop up Summer Shop Artesanía de Galicia & D-Due en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Visita á tenda pop up Summer Shop Artesanía de Galicia & D-Due en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Unha tenda pop up, efémera, é a Summer Shop Artesanía de Galicia & D-Due que se atopa durante o verán na rúa Luis Vidal Rocha en Sanxenxo. Esta é unha iniciativa colaborativa entre Artesanía de Galicia e a marca de moda galega D-Due. 

O Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro visitaron este xoves a tenda que mostra un total de 28 obradoiros artesáns, con ata 17 oficios diferentes representados. 

José González destacou que é o cuarto ano consecutivo no que a Xunta de Galicia colabora nesta iniciativa coa que se busca amosar unha escolma do talento artesán galego, do feito a mán e da alta calidade da moda, vinculada a unha empresa téxtil con proxección internacional como é D-Due, unha empresa de Rianxo dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo. Nos 28 obradoiros que se realizan coa marca Artesanía de Galicia poden atoparse especializados en olería tradicional, madeira, cerámica, cestería e labores de palla, xoiería, coiro, elaboración e reparación de redes, tecido, bordado, coitelos, elaboración de figuras con miga de pan, gravado, encaixe, bixutería, elaboración de complementos e xoeiría en vidro. 

Unha amálgama de marcas

En concreto, os obradoiros dos que se poden mercar pezas aínda durante este mes de agosto en Sanxenxo son Alberto Lista e Alfarería Rulo, de Buño (Malpica de Bergantiños); Rectoral de Gundivós (Sober); os obradoiros da Coruña Arobe Cerámica, Artefíos, Víctor Ares, Susana Anta e D-Raíz; os da Estrada, Druída e Atalanta Madera; os obradoiros composteláns Variopinto, Laura Triñanes e Contraform; Jorge Bellón (Cedeira); Redeiras artesás, de Corme (Ponteceso); Armaior (Quiroga); Concha Canoura (Culleredo); Celso Ferreiro (A Fonsagrada); Laura Delgado (Cambre);  os profesionais de Vigo A Casa Rodante e Antonio Suárez; Fundación Terra Termarum Castrolandín (Cuntis); Raposiñas (A Pobra do Caramiñal); Olería do Batán (Baños de Molgas); Santiago Besteiro (Monterroso); Gaia Cerámica (Gondomar); Rosa Méndez (Teo) e M. Isabel Liñares Recimil (Silleda).