Vilagarcía presenta o libro a 'Farsa do Carril' no salón de actos 'Gato negro'

O volume recolle a historia da danza de espadas e todos os asistentes recibirán o exemplar 
 
(_LO_4808.JPG)  Salnes Fachada Restaurante Loxe Mareiro Carril12993
photo_camera Paseo Marótimo Carril-Vilagarcia De Arousa. DS

O salón de actos do Gato Negro, en Carril, acolle este martes 17 de xullo, a partir das 20.30 horas, a presentación do libro A farsa do Carril. Unha danza de espadas histórica, do que son autores o folclorista e etnógrafo Carlos Rey e o músico e musicólogo Cristian Silva. Trátase do primeiro estudo en profundidade sobre unha danza da que hai constancia dende o século XVII.

Para a realización do traballo, Rey e Silva consultaron dende o Arquivo Diocesano ata os fondos do Museo de Pontevedra e fixeron numerosas entrevistas a persoas de Carril e moitas máis fontes relacionadas con esta danza ancestral e tamén con 'ananos', que é como se chama en Carril aos xigantes e cabezudos que acompañan aos danzantes e ao apóstolo na súa procesión. O libro, de 160 páxinas e en cor, contén máis dun cento de fotografías, a maioría relacionadas coa evolución da propia farsa pero tamén doutras danzas de espadas de Galicia e España que, nalgúns casos, gardan certas similitudes coa de Carril.

Durante o acto, Cristian Silva fará unha demostración da evolución da música da farsa utilizando para iso tres gaitas e tres percusións de distintas épocas. Os danzantes de Carril e representantes doutras danzas de espadas de Galicia, ademais de informantes e colaboradores do libro xa teñen confirmada a súa presenza, polo que se prevé unha gran asistencia. Todos os que acudan recibirán un exemplar da publicación. A partir dese momento, quen o desexe terá que solicitado no auditorio municipal.