A empresa Moncosa executará a renovación da rede de abastecemento na rúa Rosalía de Castro de Vilagarcía

O contrato adxudicouse por 46.101 euros e inclúe a substitución do colector que discorre entre a Praza da Constitución e o cruce coa rúa Santa Lucía
Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A Xunta Local de Goberno acordou onte adxudicar á empresa Moncosa a obra de renovación da infraestrutura de abastecemento de auga potable no primeiro tramo da avenida Rosalía de Castro, o que discorre entre a Praza de Constitución e o cruce coa rúa Santa Lucía. A actuación, que se adxudicou polo importe de 46.101 euros, ten como obxectivo minimizar as perdas de auga que sofre a rede, de xeito que se avance cara un servizo máis eficiente e sustentable. Ao contar xa con todos os permisos dos organismos competentes, está previsto que a obra se inicie nos vindeiros días. O tramo do servizo no que se vai actuar aínda conta cunha canalización de fibrocemento, moi antiga e deteriorada, polo que é propenso a perdas e moi vulnerable a roturas e avarías. Por iso, a obra consistirá na substitución do antigo colector de fibrocemento da marxe dereita da rúa por outro de maior diámetro e de PVC. En paralelo á instalación principal estenderase unha rede de servizo -tamén de PVC pero de menor caudal- para o enganche das acometidas actuais e instalarase unha boca de rego e/ou purga así como as válvulas de conexión inicial e final. Ademais, executaranse as 12 acometidas de abastecemento con chave de paso e arqueta.

O proxecto finánciase cunha achega de 37.036,18 euros concedida por Augas de Galicia a través da liña de axudas para a execución de obras co fin de minimizar as perdas de auga no sistema de abastecemento das entidades locais de Galicia, e á que o Concello engadirá a suma restante.