O Hospital do Salnés humaniza a sala de urxencias pediátricas para amenizar as estadías

Inspirada no fomento de hábitos saudables e os xogos, incorporou novo mobiliario infantil, un monitor televisivo na sala de espera e outro segundo televisor con soporte móbil para desprazalo a diversas áreas de observación de Urxencias pediátricas e boxes asistenciais
Sala de espera de urxencias de pediatría no Hospital do Salnés. DS
photo_camera A nova decoración na sala de espera de urxencias pediátricas no Hospital do Salnés. DS

A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, en colaboración coa Fundación Andrea, están a efectuar un programa conxunto de humanización de espazos nas urxencias de Pediatría do Hospital do Salnés para crear unha contorna acolledora e confortable para os nenos que acoden ao centro sanitario arousán e as súas familias, amenizando e axudando a pasar unha mellor estadía.

Dito programa conxunto de humanización de espazos nas urxencias pediátricas do Hospital arousán incorpora diversos elementos, entre os que destacan a decoración con mobiliario infantil, así coma a dotación de dous monitores televisivos: un fixo, emprazado na sala de espera, e outro televisor con soporte móbil para poder desprazalo tanto á área de camas de observación de Urxencias pediátricas coma nos boxes de asistencia. Así mesmo, aportouse diverso material lúdico á sala de espera pediátrica para que poidan disfrutalo os meniños. 

Esta intervención, que terá a súa continuidade estética e humanizadora en espazos de acceso á área de Urxencias e no andar de hospitalización pediátrica durante o vindeiro verán, inspírase no fomento de hábitos saudables e os xogos

Humanización da sala de lactancia materna

Outra intervención efectuada no Hospital do Salnés por ambos organismos humanizou a súa sala de lactancia materna, equipándoa con mobiliario especificamente adaptado para potenciar o confort no proceso desta alimentación, que comeza tras o nacemento.