Inicia a reforma dos vestiarios do pavillón municipal de Carril

Cun investimento de 33.400 euros procedente do Plan +Provincia, os traballos permitirán habilitar unha dependencia para uso dos árbitros e construirase un aseo adaptado

Fachada exterior del pabellón de Carril. DS
photo_camera Fachada exterior do pavillón de Carril. DS

A empresa adxudicataria da reforma dos vestiarios do pavillón municipal de deportes de Carril comezaron este martes os traballos que permitirán dotar ao edificio dos equipamentos necesarios para acoller eventos deportivos con asistencia de público. O Concello inviste 33.400 euros do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra na actuación que demandaban os clubs usuarios da instalación deportiva (balonmán e fútbol sala).

Os traballos están sendo executados pola empresa Planificaciones, Desarrollo y Gestión de Construcciones, que se comprometeu a rematalos no prazo de dous meses, de forma que o pavillón estea perfectamente adecuado de cara á vindeira tempada deportiva e tamén para o inicio do curso escolar, xa que o edificio municipal dá uso tamén ao colexio Rosalía de Castro.

Un espazo específico para árbitros e un aseo adaptado

Os traballos que se van realizar consisten na reforma dos vestiarios existentes na actualidade coa finalidade de habilitar un espazo específico para uso dos árbitros. Tamén se construirá un aseo adaptado e se ampliará o almacén ocupando unha zona do patio. A mellora inclúe a adecuación das instalacións de electricidade e fontanería ás novas necesidades e usos da infraestrutura e tamén se instalará un sistema de ventilación forzada. Ademais, o proxecto prevé a substitución da cuberta da zona dis vestiarios, cambiando as láminas de fibrocemento por unha cobertura de panel "sandwich". Por último, a intervención completarase coa instalación dun cartel co nome do pavillón que se colocará no exterior do edificio.

Dentro desta mesma liña e forma complementaria a este proxecto, o Concello tamén ten previsto actuar na cuberta do pavillón de Carril para poñer fin ás filtracións que se rexistran en determinados puntos.