O periodo medio de pago a provedores de Vilagarcía supera o previsto legalmente en dous días

A morosidade, en cambio, sitúase moi por riba, en 19 días máis, xustificada en boa parte polos incrementos nas facturas da electricidade, cuxos abonos se retrasaron, segundo explicaron dende o Goberno local
Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O periodo medio de pago a provedores no Concello de Vilagarcía é de 32 días. Mentres que esta cifra mellorou no último trimestre contabilizado, para situarse a só dous días do regulamentado (30), o certo é que a morosidade, sen embargo, subiu ata 79 días, 19 por riba do límite, "o que pode resultar paradoxal, pero non imposible", segundo explicaron dende o Goberno local.

Isto é así, segundo aclararon dende o Concello, porque para o cálculo da morosidade a Lei establece que hai un prazo de 30 días para o rexistro e xestión da factura e outros 30 para facer efectivo o pago, é dicir, en total, 60 días. O Concello nestes momentos está en 79, ou sexa, 19 días por riba do previsto na Lei. Esta disparidade entre que o periodo medio de pago baixe mentres se incrementa a morosidade global ten boa parte da súa explicación nas facturas da electricidade, que sufriron un notable incremento este ano. Isto obrigou a facer unha modificación de crédito a fin de asumir tal aumento. Mentres este trámite non se completou, as facturas de Naturgy non foron pagadas e, en consecuencia, iso fixo subir o nivel global de morosidade.

Diferenciar entre pago medio a provedores e morosidade é algo "tecnicamente complexo", ata o punto que o propio Ministerio de Facenda tivo que publicar o Real Decreto 1040/2017, de 22 de diciembre, precisamente para aclarar ambos conceptos, previstos nun decreto anterior de 2014, que á súa vez derivaba da propia Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera.

No caso concreto de Vilagarcía, entre os datos do Concello e da Fundación de Deportes hai unha diferenza notable: mentres o Concello ten o seu periodo medio de pago a provedores en 32,49 días, a Fundación está en 12,97, se ben hai que ter en conta que no periodo de cálculo (o trimestre de xullo a setembro) o Concello tramitou facturas por importe de catro millóns de euros mentres a Fundación non chegou aos 25.000.