Ravella aforra 100.000 euros na demolición do edificio da antiga Comandancia de Mariña

Os traballos de derribo, limpeza da parcela e xestión de residuos adxudicáronse á empresa Excavaciones J. Carreira por 149.315 euros, impostos incluídos
O edificio da Comandancia. DS
photo_camera O edificio da Comandancia. DS

A liberación da parcela destinada a albergar o novo centro de saúde de Vilagarcía está a piques de converterse en realidade. A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá adxudicar os traballos de demolición do edificio da antiga Comandancia de Mariña á empresa Excavaciones J. Carreira S.L. por importe de 149.2315 euros, impostos incluídos. A oferta desta empresa foi a mellor valorada entre as 13 que optaban ao contrato que se licitaba por importe de 249.691 euros, polo que o Concello aforrou nesta actuación 100.376 euros.

A adxudicación desta obra permitirá que o Concello acometa a principios de ano a demolición da Comandancia, actuación que se poderá levar a cabo tras firma da compra-venta dos terreos propiedade da Autoridade Portuaria por parte do Concello. Este trámite realizarase de xeito inminente ao dispor xa o Porto de todos os informes necesarios para rematar a tramitación. Como xa se sabe, o Concello abonará ao Porto 1.157.406 euros pola adquisición da parcela que contra cunha superficie algo superior aos 5.000 metros cadrados.

O seguinte paso será demoler o inmoble e despexar os terreos para poñelos a disposición da Xunta de Galicia a efectos de que a Consellería de Sanidade cumpra a segunda parte do acordo: a construción e dotación do novo centro de saúde.

Dous meses de prazo para derribar o inmoble e despexar os terreos

Unha vez adxudicadas as obras de demolición e asinado o contrato, a adxudicataria disporá dun prazo de dous meses para executar o derribo e deixar a parcela libre de escombros. A superficie estimada a demoler acada os 2.907 metros cadrados, mentres que volume estrutural suma os 9.011 metros cadrados.

O novo centro de saúde modernizará e ampliará os servizos existentes ata o de agora no ambulatorio de San Roque. De feito, as instalacións da avenida da Mariña duplicarán a superficie que ten o actual edificio de San Roque. Esta maior dispoñibilidade de espazo permitirá habilitar novas dependencias e crear novos servizos, o que tamén implicará un aumento de profesionais sanitarios.

Segundo o Plan Funcional do Sergas, as futuras instalacións da Avenida da Mariña incrementarán en 3 as consultas de medicina xeral (ata sumar 17), en 4 as de enfermería (que tamén serán 17, de xeito que cada médico teña servizo de enfermería propio), en 1 as de pediatría (ata 5) e en 2 as de enfermería pediátrica (que tamén chegan a 5, unha por pediatra). O novo centro permitirá contar con sala de illamento e cunha sala pediátrica para nebulizacións. Ademais, duplicaranse as consultas de especialistas (traballo social, farmacia, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia), que no actual centro tiñan unha única consulta, e aumentaranse tamén outro tipo de instalacións como as salas de reanimación e observación da área de urxencias, as salas técnicas, as salas polivalentes e as consultas de docencia.

Terreos adquiridos polo Concello

Para chegar a este punto antes foi preciso poñer de acordo ás tres administracións implicadas: Concello, Autoridade Portuaria, e Consellería de Sanidade. Esta posta en común materializouse coa firma dun protocolo a tres bandas e con acordos como a adquisición por parte do Concello da parcela titularidade do Porto por importe de 1.157.406 euros, e o compromiso do Sergas a redactar o proxecto e financiar a construción e dotación do novo centro de saúde. De forma simultánea se tramitou e aprobou en Pleno o cambio de uso do solar da Comandancia, que pasou de ter unha cualificación no PXOM de "outros equipamentos" (EO) a contar co uso específico de "equipamento sanitario" (E.S.A.).