Ravella destina case 20.000 euros á dinamización musical das festas parroquiais

A colaboración coas comisións de festexos beneficiou no que vai de ano tamén a 25 grupos folclóricos, de gaitas e corais do municipio
Actuación da Banda de Música de Vilagarcía de Arousa en Piñeiriño. DP
photo_camera Actuación da Banda de Música de Vilagarcía de Arousa no Piñeiriño. DS

O Concello de Vilagarcía destinou un montante de 18.200 euros no que vai de ano á colaboración que mantén coas distintas comisións veciñais para a organización das festas que se celebran ao cabo do ano en cada parroquia ou lugar do municipio. A achega consiste na contratación dos grupos musicais que solicitan as propias comisións para dinamizar os festexos con pasarrúas, concertos ou mesmo coa actuación de corais nas misas cantadas e corre a conta da Concellería de Cultura. Aos 18.200 euros que se levan destinado no que vai de ano a esta colaboración súmanse os 85.400 euros investidos no período de 2019 a 2022.

Ravella nutre deste xeito ás formacións folclóricas e musicais do municipio, posto que a Concellería de Cultura centra nos grupos locais estas contratacións. De feito, foron un total de 25 agrupacións folclóricas e de baile, grupos de gaitas e corais os que se beneficiaron desta medida.

35 actuacións da Banda de Música

A maiores e de forma independente a esta liña de axudas, a Concellería de Cultura tamén ofrece ás comisións de festas a actuación da Banda de Música de Vilagarcía a través do convenio de financiamento que o Concello ten asinado con esta formación musical. Para reservar a Banda, Cultura abre a principios de cada ano un prazo no que as comisións interesadas deben solicitar a data que desexan, a efectos de cadrar o calendario e tamén concretar a modalidade de actuación que desexan: concerto, procesión ou pasarrúas. A través deste convenio o Concello dispón cada ano de 35 actuacións para levar a Banda de Músicas ás festas que se reparten por todo o municipio.