Vilagarcía financiou este ano actuacións contra os lumes en 69 hectáreas de monte por 84.700 euros

Os proxectos presentáronse de xeito conxunto coa Mancomunidade de Montes Veciñais en man Común e consistiron, na súa maioría, en rozas e limpezas, podas e plantacións de piñeiros

Limpeza de montes. DS/ARQUIVO
photo_camera Limpeza de montes. DS/ARQUIVO

As axudas municipais para garantir a conservación dos montes e previr os incendios forestais que concede anualmente o Concello de Vilagarcía permitiron este ano acondicionar algo máis de 57 hectáreas de montes do municipio. Isto foi posible grazas á concesión dunha subvención de 84.642 euros á Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilagarcía de Arousa pola súa proposta c onxunta para actuar en terreos das nove comunidades que integran o colectivo. O ano pasado, a través deste mesmo programa municipal se conseguiu mellorar a situación dunha superficie de monte superior ás 69 hectáreas.

A maioría dos proxectos subvencionados en 2022 corresponderon a actuacións de rozas, rareos, limpezas do monte, poda e trituración de restos vexetais, habendo tamén de dous para plantación de árbores.

Aínda que presentados de forma colectiva a través da Mancomunidade, cada xunta de montes elixiu os traballos a desenvolver no seu ámbito de actuación, e as axudas do Concello concedéronse en base ao orzamento de cada unha delas. O reparto fíxose tendo en conta o tipo e custe das actuacións proxectadas e as hectáreas forestais ás que afectaron os traballos. Así, a Comunicade de Montes de Rubiáns recibiu 11.351 euros polas intervencións realizadas en 14 ,35 hectáreas do seu monte; a de Sobrán-Vilaxoán obtivo 10.904 euros polas 8,9 hectáreas nas que traballou e plantaron árbores e a de Trabanca Sardiñeira 7.799 euros por operacións que afectaron a 7,64 hectáreas.

Importante tamén foi a subvención concedida á comunidade de Loenzo, 10.048 euros polas intervencións desenvolvidas en 4,7 hectáreas, mentres que a subvención concedida á de Guillán por unha plantación de piñeiros e rozas ascendeu a 14.486 euros e en conxunto afectaron a 5,6 hectáreas de terreo.
A superficie de montes da comunidade de Bamio na que se traballou este ano en materia de mantemento e prevención de incendios ascendeu a 6 hectáreas e a axuda municipal foi de 12.545 euros. Os comuneiros de Cea desenvolveron traballos nunha superficie de 3,84 hectáreas, obtendo para o seu financiamento unha subvención de 9.984 euros.

Pola súa banda , os comuneiros de Trabanca Badiña realizaron traballos en 4,42 hectáreas forestais para os que conseguiron o financiamento de 5.437 euros a través das axudas do Concello, mentres que a comunidade de Fontecarmoa recibiu unha subvención de 2.087 euros por mellorar a situación de algo menos de 2 hectáreas de monte.

A liña municipal de subvencións creada polo Concello de Vilagarcía ten como obxectivo axudar ás comunidades de montes a manter en bo estado as masas forestais e evitar os incendios que cada ano arrasan miles de hectáreas de monte en Galicia. A través dela pódese financiar unha ampla variedade de actuacións tendentes á conservación dos montes, como a creación de devesas, tratamentos axeitados da biomasa residual, limpeza e rozas das zonas de protección para liberar vexetación accesoria á masa principal, así como rareos da masa arbórea. Con estas axudas tamé ;n se poden financiar obras para dotar aos montes das infraestruturas preventivas necesarias para unha efectiva actuación en caso de ter que combater lumes, tales como a construción de depósitos ou puntos de abastecemento de augas. De igual xeito, ser subvencionan intervencións de silvicultura preventiva e mesmo redacción de informes de intervención arqueolóxica cando a zona na que se vai a traballar esta afectada por unha área de protección.