Os vilagarciáns consumiron o 84% dos bonos "Son da casa" a falta dunha semana de campaña

Xoguetes, moda, librarías e deporte foron os sectores nos que máis se investiron ▶ O prazo para gastar os tickets remata o vindeiro luns, 16 de xaneiro

Moto Bazar é un dos establecementos adscritos a 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Moto Bazar es uno de los establecimientos adheridos a 'Son da Casa!'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os vilagarciáns destinaron a maior parte da última emisión municipal dos bonos "Son da Casa" a afrontar os gastos extraordinarios que conlevan as celebración de Nadal e Reis. Así o demostran as convalidacións dos bonos subvencionados polo Concello que apuntan que ao remate da campaña de Nadal xa se tiña gastado o 84% dos 15.000 bonos repartidos nos 3.750 packs da presente edición. A día de hoxe e a unha semana de pechar a campaña, tan só quedan sen utilizar 2.393 tickets, é dicir, o 16%. Dende a Concellería de Promoción Económica lembran que o prazo para gastar os tickets remata o vindeiro luns, 16 de xaneiro, polo que as persoas interesadas aínda lle poderán sacar partido nas rebaixas do comercio local, así como nos establecementos hostaleiros e demais pequenos negocios adheridos á campaña.

O valor do total dos bonos subvencionados polo Concello durante a campaña en marcha ascende a 112.500 euros. No que aos tickets xa utilizados durante a edición de Nadal, o sector no que máis se investiron foi o do xoguete, no que se convalidaron bonos por importe de 13.410 euros, seguidos polo da moda (12.570 euros), libraríase papelerías (10.490) e deporte (9.500). Estas sumas teñen unha repercusión maior nos establecementos nos que se gastan os bonos xa que as compras realizadas soen ser de importes superiores, que se complementa con pagos en metálico. De feito, en función das campañas anteriores, estímase que o retorno de cada campaña ascende aos 200.000 euros.

Nesta quinta edición da campaña "Son sa Casa", o Concello investiu 37.500 euros para subvencionar con 10 euros cada un dos 3.750 packs de bonos emitidos, polo que, polo prezo de 20 euros, os veciños podían adquirir un lote que lle permitía facer compras por importe de 30 euros.