O Ciclo Mestre Mateo continúa este venres coa proxección do filme 'O corpo aberto'

A película, galardoada como mellor longametraxe nos premios do audiovisual galego, exhibirase na Casa da Cultura do Grove ás 20.00 horas
Imaxe promocional de 'O corpo aberto'. DS
photo_camera Imaxe promocional de 'O corpo aberto'. DS

A Casa da Cultura do Grove acollerá este venres 3 de novembro ás 20.00 horas un novo pase da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais gañadores e finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta ocasión, os veciños poderán desfrutar da proxección de O corpo aberto, galardoado como mellor longametraxe na gala dos Mestre Mateo.

Dirixida pola realizadora Ánxeles Huerta, a película está protagonizada por Tamar Novas, Victoria Guerra e María Vázquez nos seus principais papeis e acumulou un total de quince candidaturas aos Mestre Mateo deste ano. A historia, ambientada no 1909, sitúa a Miguel, un mestre novo, destinado nunha vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. Neste lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño da aldea libera un espírito en busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, o que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos.