A décima quenda do 'Depo Aventura' acollerá a 140 nenos na Lanzada

A rapazada de entre 8 e 13 anos participarán en actividades lúdicas e formativas ao longo de seis días, comezando este domingo 27 de agosto, nas instalacións que a Deputación ten no Grove
Nenos e nenas nunha clase de surf en Depo Aventura A Lanzada. J. Cervera/Arquivo
photo_camera Nenos e nenas nunha clase de surf en Depo Aventura A Lanzada. J. Cervera/Arquivo

A décima quenda dos campamentos Depo Aventura de A Lanzada levarase a cabo dende este domingo 27 de agosto ata o próximo sábado 2 de setembro cun total de 139 nenos e nenas de 26 concellos de toda provincia. Ao longo desas seis xornadas, desenvolverán múltiples actividades lúdicas e formativas organizadas pola Deputación de Pontevedra que contribuirán ao seu enriquecemento persoal e a coñecer lugares fóra da súa contorna habitual.

Nesta décima quenda de Depo Aventura, as 71 nenas e 68 nenos (todas e todos nados entre os anos 2010 e 2015) proceden de Vigo (88), Pontevedra (10), Redondela (6), Gondomar (4), Marín (4),  Cuntis (3), Nigrán (3), Meaño (2), Tui (2), Agolada (1), Baiona (1), Barro (1), Cangas (1), A Cañiza (1), Covelo (1), Forcarei (1), O Grove (1), Mos (1), Pazos de Borbén (1), Poio (1), Ponteareas (1), O Porriño (1), Salvaterra do Miño (1), Sanxenxo (1), Soutomaior (1) e Vilagarcía de Arousa (1).

A Deputación ofrécelle ás nenas e nenos do campamento un programa de actividades que, baixo o nome A Lanzada, un paseo pola historia, está destinado a favorecer a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a igualdade de xénero, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento da contorna. Ademais, a cativada realizará un obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e, entre as moitas iniciativas programadas no marco de Depo Aventura 2023, as crianzas realizan excursións relacionadas coa natureza e o coidado do medio ambiente.

A que comeza este domingo será a penúltima quenda dun programa que rematará o vindeiro 9 de setembro e no que participan un total de 1.540 menores de 58 concellos da provincia divididos en once quendas.