O Festaclown invade as rúas de Vilagarcía ata o vindeiro sábado

A compañía marroquí Colokolo estréase en Galicia co espectáculo de acrobacias Chouf Le Ciel
Festaclown Vilagarcía. Compañía 7Bubble
photo_camera Compañía 7Bubble durante unha actuación nas rúas de Vilagarcía. DS

Comezaron os días grandes do festival. Pola mañá estiveron animando as rúas da cidade a Igualarte, Con Eles e Tchyminigagua co espectáculo Animarte. Culturactiva Producións estivo na Praza de Ravella animando a nenos, nenas e maiores co seu espectáculo Máis Saaabor!

Pola tarde, deu incio o Certame Festaclown con 7Bubbles e o seu espectáculo Burbulla, unha louca comedia de pompas de xabón donde o público é protagonista clave. Con este divertido show, inícianse unha serie de actuacións que se someterán ao ollo crítico do público, que poderá valoralas para decidir o final do festival quen leva o Premio do público deste ano.

Tchyminigagua foron os encargados de pechar o día na praza da II República co seu espectáculo Sueños Encantados, o cal nos trouxo imaxes de festa e carnaval, a través dunha nena que nos fai soñar con encantamentos fantásticos de alegría, paz e vida.

Programación do día 21

O mércores haberá programación dende as 11:00 horas ata as 21:00 horas, intre no que comezará o último espectáculo do día. A narradora oral Cris Collazo estréase neste Festaclown 2024 con Pepa a Loba no Parque Miguel Hernández ás 11:00 horas para espertar aos nenos e nenas de toda a cidade. Ás 12:30 horas, na Praza da Ravella, haberá programación para os e as máis pequenas da casa con Pablo Muñoz e o seu espectáculo Prohibido tocar, que se estrea en Vilagarcía.

Xa pola tarde terá lugar o Certame Festaclown co evento Crunch 2 de Muu. Un espectáculo familiar cheo de malabares, caídas, golpes, corda frouxa, risas e equilibrios imposibles da man de dous superheroes que teñen que voltar á escola.

O mércores botará o peche coa compañía marroquí Circ Colokolo. Estará co seu espectáculo Chouf Le Ciel, que se poderá ver por primeira vez en Galicia na Praza da II República ás 21:00 horas. Unha actuación espectacular, chea de malabares, acrobacias, danza e, sobre todo, explosivos voos de altura. Un espectáculo que sorprenderá ao público polo risco e a altura das súas acrobacias, da man dunha das mellores compañías de circo que hai actualmente en Marrocos.